O BNG da Costa da Morte presenta emendas aos presupostos do Estado

O BNG da Costa da Morte presenta emendas aos presupostos do Estado

O BNG da Costa da Morte presenta emendas aos presupostos do Estado. Reclama 10 millóns de euros de investimentos específicos estratéxicos.

- O PP tumbou estas emendas na última sesión plenaria do Congreso, a semana pasada, xunto con outras 4.222. A aprobación está pendente da refrenda do Senado, e en outubro voltarán ao Congreso para a súa aprobación definitiva.

Igual que Galiza sae penalizada nos orzamentos do estado, sendo unha das comunidades que menos recibe, cun descenso do 1,7% respecto aos de 2015, a Costa da Morte recibe o mesmo trato. Estes presupostos constatan que ao PP non lle interesa inxectar inversión pública na recuperación para o crecemento económico dos Concellos desta Comarca.

Nas emendas aos presupostos do Estado, o BNG da Costa da Morte, por medio da súa representación do BNG no Congreso dos Deputados, demandamos 10 millóns de euros coma investimentos específicos necesarios e estratéxicos para os intereses da zona, entre elas:

• O Saneamento integral da ría de Corcubión, para os que resultan necesarios 3 millóns de euros para acometer as accións de saneamento e depuración integral da ría, limpeza dos seus fondos para a mellora a ambiental e recuperacións dos seus bancos marisqueiros.

• A construción da Base de loita contra a contaminación mariña. Calificamos de inconcibible e irresponsable que fronte ao Corredor Marítimo de Fisterra, polo que navegan 45.000 buques perigosos, non se conte cunha base estratéxica. O porto de Brens reúne xa as condicións axeitadas para albergar esta base, e un investimento de 1 millón de euros sería suficiente para a súa habilitación, equipamento e dotación.

• Mellora das instalacións do heliporto de Ruibo-Cee. Dende o BNG reclamamos que o Estado invista os 600 mil euros precisos para facer operativa unha instalación practicamente sen estrear. É unha das vergoñas da xestión pública do Estado e da Xunta na Comarca, que permiten ter pechadas unhas instalacións modernas deseñadas para salvar vidas.

• Actuación integral para a promoción cultural internacional do Cabo Fisterra coma referente e dinamizador turístico da Comarca. Demanda do Ministerio de Cultura financiamento por valor de 5 millóns de euros, dentro do capítulo de “Cooperación, promoción e difusión cultural no exterior. Participación no ámbito Europeo”, na medida en que o Estado ten invertido para dinamizar e apostar por outros lugares de interese cultural e/ ou patrimonial que destacan internacionalmente, co obxecto de recuperar o "Selo de Patrimonio Europeo", incluíndo actividades de ordenación de espazos e usos, xestión do fluxo das 300 mil visitas anuais que recibe, e actividades artísticas e culturais co fin de reforzar o papel do Cabo Fisterra coma lugar simbólico no ámbito.

Cée, a 22 de Setembro de 2015

Serxio Domínguez Louro

Responsábel Comarcal do Bng Costa da Morte