O BNG MOSTRA O APOIO AOS MARIÑEIROS DA FROTA DO CERCO

O BNG MOSTRA O APOIO AOS MARIÑEIROS DA FROTA DO CERCO

A Unión Europea, a través do Consello de Ministros de Pesca -sempre co entusiasta voto favorábel do Goberno español e a conivencia da Xunta de Galiza- volvía fixar uns Topes Autorizados de Captura (TAC) claramente discriminatorios para a frota pesqueira galega. Esta decisión, non fundamentada cientificamente, pretende primar os intereses económicos e comerciais doutros estados fronte ás necesidades do sector pesqueiro galego, claramente prexudicado en todo este proceso. Trátase de regras de xogo da UE incompatíbeis coa existencia e o futuro do noso país en materia pesqueira.

O problema non é que non haxa peixe no noso litoral: haino, e ben abundante. O conflito xorde cando se lles impide pescar aos galegos e si se lles permite a outras frotas. É, en definitiva, un problema político, que precisa de solucións políticas.

Na negociación que se levou a cabo impúxose o modelo vasco, que contou coa colaboración do Goberno español e a inhibición do Goberno galego.

Con este reparto a frota galega, que ten 154 barcos de cerco, correspóndelle o 24,5% das cotas de xarda, mentres que a vasca, con 53 embarcacións, consegue un 50% do total das capturas. Este criterio de reparto realizouse interesadamente a partir das capturas históricas, computándose nestas as realizadas entre os anos 2002 e o 2011. Nestes anos a pesca en Galiza estivo regulada mediante topes, non así o doutras comunidades costeiras e coincidindo ademais cos anos onde houbo un exceso de capturas (2009 e 2010), con sancións da UE. Para alén disto, o modelo destes últimos anos xa viña prexudicando gravemente a frota galega, dado que o reparto era global e cando a xarda chegaba ás nosas augas, a cota estaba esgotada impedíndosenos pescala.

O Estado español é cúmplice, mentres o Goberno galego cala, admitindo uns criterios discriminatorios, ao igual que a Unión Europea, esquecéndose dos argumentos de boa xestión pesqueira, e permitindo uns criterios máis políticos que sociais, abocando a frota galega á miseria.

O Bng Costa da Morte quere manifestar o apoio a frota do cerco e de artes menores que reclaman un reparto xusto das cotas da xarda e do xurelo.

Instamos a Xunta e o goberno español a reclamar o cambio profundo da Política Común de Pesca da UE, e a derrogación do Principio de Estabilidade Relativa, que consagra a discriminación estrutural da frota pesqueira galega.

Reivindicamos o exercicio pleno das competencias galegas sobre as nosas augas, eliminando as cotas de pesca fixadas desde Bruxelas no noso propio litoral.

Condenamos a actuación das forzas do estado usadas contra os mariñeiros en Compostela, e no que o que pretendía ser un acto de reinvindicación de traballo para poder sustentar as súas familias, rematou sendo unha batalla campal. Son traballadores do mar, non delincuentes.

Cee, a 12 de Marzo de 2014

Serxio Domínguez Louro

Responsábel Comarcal do Bng

O BNG MOSTRA O APOIO AOS MARIÑEIROS DA FROTA DO CERCO