O BNG preocupado polas contínuas carencias do heliporto de salvamento marítimo de Ruibo (Cee).

O BNG preocupado polas contínuas carencias do heliporto de salvamento marítimo de Ruibo (Cee).

O BNG da Costa da Morte trasladará unha iniciativa ao Parlamento Español e o Parlamento de Galiza solicitando explicación sobre os motivos concretos da interrupción do servizo de helicóptero de salvamento marítimo que se vén prestando dende a o Heliporto de Ruibo, en Cee. Pregúntase se detrás desta medida están limitacións orzamentarias ou se responde a motivos técnicos.

O helicóptero acaba de ser trasladado a Santiago, onde efectuará por un tempo transitorio, que se descoñece, as encomendas de rescate para o que está preparado. Dita circunstancia non é nova, xa que existe constancia de que dito aparato fica desprazado a base oficial do Sasemar na Coruña, Alvedro, de maneira continuada.

O BNG recorda que en novembro de 2012 esta base de salvamento ralentizou moito o seu servizo, para instalar un dispositivo de iluminación que permitira voar de noite, que entrou a funcionar en xaneiro de 2013.

Dende o BNG denunciamos que está medida vai ter un efecto de demora nos tempos de rescate, e restará autonomía de voo, co que pode chegar a comprometerse a seguridade de moitos profesionais do mar, en situacións límites que precisan unha rápida actuación. É un motivo serio de preocupación, e no que é preciso poñer o foco de atención, pola importancia deste tipo de servizos. Por iso queremos saber de canto tempo se está a falar con esta medida transitoria, e demandamos que se restaure no tempo máis breve posible a súa operatividade plena.

Dende que a base de salvamento entrou en funcionamento, a finais de 2011,véñense sucedendo unha serie de circunstancias que evidencian que a base, ou ben, pasa por problemas loxísticos e/ou de equipamento, ou está afectado por carencias presupostarias, feitos que lle poderían estar a restar eficacia na resposta de rescate, problemas de seguridade, ou non cumprir con garantías o propósito para o que foi habilitada. Neste sentido, cabe destacar o sucedido co afundimento do pesqueiro Laberco nos baixos de Meixide de Carnota, o 5 de setembro de 2013, que finalmente tivo que ser rescatado por outra embarcación mariñeira próxima, o Mari Neves, ante a tardanza na chegada do helicóptero.

O BNG denuncia que xa son escasos o conxunto de medios de salvamento marítimo desprazados para a Costa da Morte, coma para que os que hai non estean a pleno rendemento.

Entre a suma dos problemas do remolcador Don Inda, a falta dunha base loxística de continxencias, e os continuados problemas do Heliporto de Ruibo, queda de manifesto que existe un notorio descoido das autoridades na planificación e execución do salvamento marítimo na zona. As medidas de seguridade deberían ser equivalentes ao enorme tránsito de buques que discorren polo Corredor Marítimo de Fisterra.

Serxio Domínguez Louro

O BNG preocupado polas contínuas carencias do heliporto de salvamento marítimo de Ruibo (Cee).