O BNG PRESENTA AS ENMENDAS PARA COSTA DA MORTE E BERGANTIÑOS

O BNG PRESENTA AS ENMENDAS PARA COSTA DA MORTE E BERGANTIÑOS

O portavoz do Bng no parlamento, Francisco Jorquera, acompañado polos responsábeis do partido Serxio Domínguez Louro, da Costa da Morte, e Xoan Sande, de Bergantiños, presentou o pasado venres en rolda de prensa, as enmendas que o Bng vai levar, no que ten a ver coas dúas comarcas, ao debate desta semana sobre os orzamentos.

Coas enmendas presentadas, o Bng trata de que haiba mais investimento social para loitar contra a pobreza e a exclusión, así como de acadar que a Xunta invirta mais nas dúas comarcas a través de novas e vellas reivindicacións que suporían un impulso económico, mais que necesario, se queremos atallar a emigración a que estamos a ser condenados.

Son estas:

BERGANTIÑOS

1. Construción novo dique en Laxe e recuperación da dinámica do litoral-

O dique construido a finais dos 80 modificou a dinámica do litoral, o que prexudicou gravemente a praia e o porto, con acumulacións de area que chega en moitas ocasións á vila. O Valedor do Pobo recoñeceu, ante denuncia do BNG, que a lei obriga a que quen causou o dano debe repáralo, e neste caso está claro que a responsabilidade é da Xunta de Galiza que construiu o dique. Polo tanto, ademáis dunha necesidade imperiosa, é una obriga da Xunta de Galiza.

2. Construción dun novo edificio no CEIP Otero Pedrayo da Laracha euros.

O edificio onde se imparten as aulas de infantil está en estado ruinoso, non reúne as condicións de seguridade mínimas. Isto é algo recoñecido por todos e un compromiso incumprido polo Partido Popular desde hai anos, con varias visitas do Conselleiro

3. Proxecto de circunvalación de Carballo

É unha necesidade reiteradamente solicitada polo BNG, a construcción dunha circunvalación en Carballo (libre de peaxe) que desvíe o tráfico fóra da vila.

COSTA DA MORTE

4. Acceso Porto de Brens

A conexión do porto de Brens, co polígono empresarial, é impresindíbel para o desenrolo das actividades de ambas infraestructuras.

5. Base Loxística anticontaminación Porto de Brens

Consideramos que tanto polo número de buques que precisan aproximarse a estas augas costeiras coma pola proximidade do Corredor Marítimo de Fisterra, sobradamente queda xustificativa a necesidade de dispor de maneira permanente dos dispositivos humanos e materiais necesarios o máis próximo posible.

6. Centro de Expedición de Mariscos de Fisterra-Marca de calidade Longueirón de Fisterra

Reapertura do Centro de Expedición de Mariscos da lonxa de Fisterra, xestionado pola Confraría de Fisterra, e pechado no segundo trimestre de 2013 por non poder facer fronte ao seu mantemento técnico e económico. O peche está a causar un importante prexuízo aos mariscadores locais e minoristas, véndose afectados máis de 60 profesionais, amais de provocar un deterioro na imaxe de produtos frescos de zonas A de marisqueo.

7. Construción Centro de Saúde Fisterra.

A súa construción leva unha década de retraso. Comprometido dende o ano 2003, novamente en xullo de 2013 a Consellería de Sanidade comprometeuse a licitar a obra, que xa conta con localización para a súa construción antes de que rematara o ano, pero en setembro de 2013 anunciouse que finalmente non se licitaría.

8. Inicio Escola Infantil de Muxía

A Galescola está en funcionamento grazas a vicepresidencia do goberno bipartito. Sen embargo o local non é o axeitado con deficiencias de seguridade, falla de espazo, etc... O concello asinou un convenio coa vicepresidencia cedendo un local municipal para este uso, mais o novo goberbno do Pp no 2009 non cumpre o convenio que segue sen se cumprir.

9. Plan Director do Monte do Cabo en Fisterra

A finais do ano 2012 presentouse o Plan director do Cabo de Fisterra, coma un documento básico de referencia para ordenar e xestionar o conxunto dos diferentes recursos cos que conta toda a área do Cabo de Fisterra, un dos lugares turísticos por excelencia da Galiza. A redacción de dito plan tivo un custe próximo aos 200.000 euros, no que se contempla un programa de medidas e accións que no seu conxunto estímase nun orzamento de duns 8 MILLÓNS de euros, desglosado en máis de 1.000 actuacións para a súa execución independente e progresiva.Urxe o inicio do desenvolvemento das accións do Plan Director do Cabo, co obxecto de contribuír a manter/lograr a distinción de Patrimonio Europeo con carácter definitivo, do que gozan 30 bens culturais e patrimoniais de Europa. A partir do ano 2014 dita distinción acadara carácter oficial por parte da Unión Europea, polo que se están revisando todos aqueles lugares actualmente distinguidos, a efectos de determinar que cumpren cos novos criterios

10. Medidas de apoio e fomento das actividades pesqueiras e marisqueiras artesanais no entorno mariño de Fisterra pertencente á rede natura 2000

Tendo en conta os datos publicados en marzo de 2013 polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, no seu informe “Marco de Acción Prioritaria para a Rede Natura 2000 en España”, que recolle a “estimación das necesidades de financiado para a xestión da Rede Natura 2000”, correspondéndolle unha inversión por hectárea terrestre de 88,84 €, e por hectárea mariña de 137,66 €. Tendo en conta que a superficie mariña da Rede Natura 2000 do entorno de Fisterra ocupa 3.505 ha, a cantidade de inversión para a xestión anual resultaría de 482.498.3 euros.

11. Plan Director do Cabo Touriñán en Muxía

Cremos imprescindíbel a inicio da redacción dun plan director co obxecto de contribuír a lograr a distinción de Patrimonio Europeo, da que gozan 30 bens culturais e patrimoniais de Europa, e protexer definitivamente este espazo coas mellores garantías de conservación e promoción.

O lograr a distinción do Patrimonio Europeo resultará fundamental para a dinamización económica dependente das potencialidades turísticas do Concello de Muxía, resultaría moi beneficioso para a economía turística de Muxía e da Costa da Morte, un revulsivo para o sector primario e sector de servizos.

12. Remate do Centro de Día de Corcubión

Financiar a última fase deste centro de día, que ate o de agora foi financiado con cartos do concello e da Deputación. Logo do ac aecido nos últimos días co centro de Carnota, pasa por imprescindíbel rematar o de Corcubión para que os maiores da Costa da Morte non teñan que desplazarse ate Muros.

13. Saneamento integral da Ria de Corcubión

A contaminación existente na nosa ría, é o maior impedimento para a diversificación das actividades marisqueiras que noutrora se daban nela. Deste xeito, a posta en funcionamento axeitado, da EDAR existente que recolle as augas fecais dos concellos de Cee e Corcubión, a mais da renovación das canalizacións obsoletas, e a separación das augas pluvais das fecais, pasan por ser a única maneira de pór freo ao estado de semirruina da ría.

14. Contradique porto de Fisterra

Nunha clara mellora das instalacións portuarias cara a seguridade e integridade das embarcacións pesqueiras que operan no Porto de Fisterra. Reivindicación histórica do sector pesqueiro de Fisterra, ao que no ano 2009 Portos de Galiza comprometeuse a executar presentando un anteproxecto que valoraba a obra en 9 millóns de euros. Dito anteproxecto xa contaba con informe favorable de medio ambiente e de patrimonio.

INTERCOMARCAL

15. Plan de emprego específico para as comarcas. con maiores taxas de desemprego

Cee a 22 de Novembro de 2013

Serxio Domínguez Louro

_MG_0340