O BNG RECLAMARÁ O TRASPASO DE COMPETENCIAS E A DOTACIÓN DE MEDIOS DE RESCATE PARA A COSTA DA MORTE

O BNG RECLAMARÁ O TRASPASO DE COMPETENCIAS E A DOTACIÓN DE MEDIOS DE RESCATE PARA A COSTA DA MORTE

O caso da gabarra en Reira amosa, outra vez, que os medios non son suficientes para o risco que supón a navegación de 40.000 buques polo Corredor Marítimo de Fisterra.

O BNG denuncia que o encallamento dunha gabarra no entorno de Reira (Camariñas) é produto das políticas do Estado e da Xunta, que negan sistematicamente a dotación de medios de salvamento e rescate, e amosan o fracaso do seu modelo de planificar as continxencias por accidentes marítimos nas costas da Galiza.

O lugar onde encallou a gabarra, nos baixos de Reira, conta cun elevado valor ambiental, contando coa presencia de varias especies ameazadas e hábitats da máxima protección pola Rede Natura 2000, así coma para pesca e as actividades marisqueiras. Demándase das autoridades que activen, ademais dos protocolos propios relacionados co encallamento do buque, aqueles outros que eviten ou aminoren posibles danos dentro deste espazo natural protexido.

O BNG lamenta outra vez a falta de medios de rescate e salvamento marítimo, nunha área das máis importantes do mundo en canto a tránsito marítimo, dos que uns 15.000 buques transportan sustancias moi perigosas. Non pode ser que o resultado deste encallamento fora produto de descartar o seu rescate ante a necesidade de salvagardar un segundo buque (o seu remolcador) implicado. Queda demostrada a posibilidade de que dous barcos, de tódolos que navegan polo Corredor, poidan sufrir un percance serio de accidente durante temporais. Trátase da enésima evidencia de que os medios de rescate son insuficientes. Esta é a situación real de exposición a accidentes á que está condenada a nosa costa e a súa poboación, e Estado e Xunta non fan ren por evitalo.

Afortunadamente non houbo que lamentar perdas de vida, mais de novo queda demostrado o grado de desprotección desta costa.

O BNG, presentará diferentes iniciativas nas distintas institucións onde conta con representación, reclamando o traspaso de competencias no tocante á seguridade marítima, así coma, a dotación inmediata de medios, ante a escasa preocupación amosada ate o de agora polas autoridades do Estado e do goberno de Feijoo.

O BNG recorda coma sistematicamente négaselle a Galiza competencias en salvamento marítimo e os medios e loxística necesaria que temos reclamado, entre eles unha Estación base permanente de rescate no porto de Brens destinada a asistir e vixiar o Corredor Marítimo. Valoramos que a presenza dun remolcador na zona (o Don Inda), que da cobertura a unha ampla franxa costeira, non chega e non serve para despregar estratexias de salvamento que sí podería ter lugar de combinarse con medios dispostos na Estación de salvamento marítimo reclamada para Brens (Cee).

En Cee, a 15 de xaneiro de 2014.

Serxio Domínguez Louro

O BNG RECLAMARÁ O TRASPASO DE COMPETENCIAS E A DOTACIÓN DE MEDIOS DE RESCATE PARA A COSTA DA MORTE