ROSANA PÉREZ PIDE A FOMENTO QUE ACLARE SE SE VAI PECHAR A BASE DE RUIBO EN CEE E PREGUNTA

ROSANA PÉREZ PIDE A FOMENTO QUE ACLARE SE SE VAI PECHAR A BASE DE RUIBO EN CEE E PREGUNTA

A deputada do BNG pregunta a Fomento polas deficiencias desta base como a falla de estación meteorolóxica, necesaria nunha zona destas características

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha pregunta parlamentar na Cámara para pedirlle ao Ministerio de Fomento que aclare se está a planificar o peche da base de Ruibo en Cee.

A iniciativa parlamentar do BNG está motivada no traslado do helicóptero de Sasemar que tiña a súa base en Ruibo e que se levou a Santiago de Compostela. Rosana Pérez quer saber se se trata dun traslado temporal como sinala a alcaldesa de Cee, ou se a idea é a de pechar esta base.

Outro dos aspeitos que salienta Rosana Pérez son as manifestacións do Director de Salvamento Marítimo asegurando que o traslado é mentras se cumpre os trámites da estación meteorolóxica.

Nese sentido, salienta que a base ten deficiencias como a falla dunha estación meteorolóxica necesaria debido ás condicións de vento e néboa propias da zona. “Máis, outros dados e informacións poñen en cuestión que se trate dun traslado temporal e que podería ser o inicio dun peche científico”.

“Como é posíbel que esta base estivese operativa sen contar con estación meteorolóxica? Existen informes técnicos de Salvamento que indican que a base non está situada na ubicación idónea?”, son algunhas das preguntas que a deputada do BNG dirixe ao Ministerio.

O accidente do “Laberco”

A deputada do BNG sinala que na “práctica, o feito de non contar cun heliporto operativo ao 100%, traduciríase nunha situación de desproteción e un risco inasumíbel en canto á seguridade marítima na zona”. Nesa liña, explica que existen antecedentes recentes “moi preocupantes que poden estar relacionados cos problemas que presenta o heliporto”.

Así, a deputada do BNG sinala que no accidente do pesqueiro “Laberco”, en augas Carnota o 4 de setembro de 2013, varias embarcacións “presentes no resgate puxeron en dúbida o papel e tempo de resposta do helicóptero, que finalmente non interviu”.

Relada Rosana Pérez que a embarcación de Salvamento “Salvamar Regulus”, tardou media hora en chegar para evacuar a tripulación, “cando xa se atopaba a resgardo noutro barco. Ademáis, engade, “descoñecese o papel que tivo o helicóptero e as recentes explicacións da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes Marítimos non dan información que desmintan estas críticas”.

Por estas razóns dirixe unha batería de preguntas ao Goberno para que aclare cal vai ser o futuro desta base. E quer saber “por que no informe “CIAIM 4/2014” non se dan explicacións sobre o papel do helicóptero HELIMER 103 no afundimento do pesqueiro “Laberco”. “Onde estaba o helicóptero nese momento? Existe algunha relación entre a actuación do HELIMER 103 no afundimento do pesqueiro “Laberco” e a situación do heliporto?”.

Cee a 28 de Marzo de 2014

Serxio Domínguez Louro

Responsábel Comarcal do Bng Costa da Morte