O BNG ESIXE UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA A AUTOVÍA

O BNG ESIXE UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA A AUTOVÍA

A construción da Autovía da Costa da Morte vai camiño de seguir o exemplo do Escorial. Logo de moitas promesas e visitas do Goberno á Costa da Morte a realidade é que as obras seguen paralizadas, alonxándose cada vez máis no tempo o remate desta infraestrutura. Unha situación que vén sendo denunciada tanto nesta comarca, como no propio Parlamento Galego. Porén a Xunta de Galiza pretende negar o evidente e tapar as súas responsabilidades e complicidades cos incumprimentos das empresas concesionarias.

Son coñecidos os problemas de financiamento da concesionaria e que se están retirando maquinaria e instalacións das obras, causando por certo graves prexuízos a moitos veciños e veciñas que ven as estradas polas que circulan danadas polas obras, sen unha solución que garanta a súa circulación en condicións seguras.

O BNG ten denunciado a complicidade da Xunta con esta situación, evitando impoñer ás empresas as penalizacións previstas no prego e na lexislación contractual, así como actuando para resolver o contrato e asumir directamente as obras. Consideramos desde o Bloque Nacionalista Galego que esta sería a opción máis lóxica neste momento e a única forma de garantir a continuidade e execución das obras. Como xa indicamos no momento da concesión, resulta escandaloso que a Xunta adxudicara o proxecto á oferta máis cara e que siga optando por unha fórmula que encarece notabelmente o custe das infraestruturas. De feito, cando remate a concesión o conxunto de galegos e galegas pagaremos catro veces máis que o custe real das obras.

Dende o Bng instamos á Xunta de Galiza a resolver o contrato para a construción da Autovía da Costa da Morte coa empresa concesionaria, impóndolle as penalidades previstas no prego, renunciando á formula concesional e asegurando a finalización das obras a través da execución dun contrato de execución de obra pública.

Cee, a 4 de Outubro de 2013

Serxio Domínguez Louro

O BNG ESIXE UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA A AUTOVÍA