PLAN DE DESENVOLVEMENTO DA COSTA DA MORTE

PLAN DE DESENVOLVEMENTO DA COSTA DA MORTE

Plan especial de desenvolvemento económico da Costa da Morte, asentado na excelencia dos seus produtos, as vantaxes do seu territorio, o aproveitamento sustentable, coa posta en valor dos recursos procedentes do Mar, da agrogandería, e do patrimonio natural cultural e turístico presentes nesta comarca. Deberá executarse con carácter urxente e contar coa dotación económica suficiente para a súa implantación, e contemplará, cando menos, as seguintes actuacións: Con relación ao sector industrial do téxtil: Fomentar o cooperativismo das factorías téxtiles, facilitando un clúster representativo do téxtil da Costa da Morte no que se poida pechar o ciclo da roupa, dende o deseño ata a venda e distribución, sen estar baixo o ditado das grandes multinacionail. Fomentando sinerxías con produtos xa recoñecidos coma o Encaixe de Camariñas ou o liño de Zas. Con relación aos recursos do mar: Apoio estratéxico ao sector do mar por parte da Xunta de Galiza, apro- bándose un plan de medidas inmediato pola que se dote dun seguro que cobra as perdidas pola imposibilidade de faenar ante os efectos dos temporais, e defender un reparto de cuotas de capturas xusto para a frota do cerco.

Engadir valor aos produtos da pesca e do marisqueo, que permitan crear emprego na comarca, mediante:

O potenciado dos produtos procedentes das actividades mariñeiras da Costa da Morte, recursos pesqueiros, marisqueiros, conserveiros, procedentes da extracción artesanal e tradicional, mediante o amparo dun selo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Procedencia do Mar da Costa da Morte”. Fomentando a posta en marcha do aproveitamento de recursos mariños de emerxente interese comercial, actualmente pouco aproveitados, entre os que cabe citar a extracción de algas, a peneira, o ourizo varias especies de bivalvos, estrugas de mar, e outras especies mariñas que contan con poucos apoios para o seu aproveitamento, explotación e comercialización. Impulsar e mellorar a dotación de infraestruturas e equipamentos portuarias que permitan acadar as mellores condicións do desempeño profesional, no tocante a súa eficacia e optimización, seguridade e prevención. Contribuír e coordinar a mellora das poxas que se desenvolvan nos portos da comarca, así coma facer competitivos estes portos para a descarga das capturas procedentes do cerco e da baixura das embarcacións locais. Solucionar o funcionamento e impulsar como solucións estratéxicas os centros de expedición, depuración, e venda do marisco e outros aproveitamentos, e que estes teñan todo o apoio para ser xestionados polas confrarías ou agrupacións de marisqueo. Xunto coa promoción da calidade dos produtos que pasan por estes puntos de control e venda.

Iniciar o saneamento integral das rías e erradicación dos puntos de contaminación que minguan os recursos do mar, e empeoran as súas calidades e imaxe. Co necesario incremento e revisión dos programas de control de clasificación das zonas de contaminación, analizándose máis mostras e de diferentes especies, e máis puntos de recollida. Con relación aos recursos do rural: Estimular e recuperar a economía produtiva agrogandeira da Costa da Morte, esquecida pola Xunta de Galiza, fomentando e axudando a establecer unha rede de explotacións agrogandeiras competitiva e de calidade, así como o impulso do recoñecemento e distinción dun selo de orixe de procedencia e fortalecemento dos seus canais de transformación, distribución e comercialización. Promover o banco de terras coa finalidade de incorporar aquelas en desuso e con vocación agraria a explotacións que a precisen, e protexer a destrución das terras de cultivo fronte a ocupación de cultivos forestais. Impulsar a horto-fruticultura e facilitar a súa comercialización en función das distintas oportunidades que o mercado ofrece (minoristas, maioristas, local,venda de proximidade, selo de procedencia ecolóxica, distinción artesanal ou delicatessen,etc), asesorando e apoiando a obtención de produtos da máxima calidade cara a demanda emerxente actual dos mercados, diagnosticando aqueles nos que resulta posible converxer cara a excelencia e calidade, coma por exemplo os do selo ecolóxico, ou os considerados delicatessen. Fomentar a agrupación de propietarios forestais e apoiar iniciativas destas e das comunidades de montes veciñais en man común cara una xestión orientada a un aproveitamento multifuncional do monte, impulsando unha silvicultura baseada na produción de madeira de calidade que favoreza as posibilidade de estruturar o sector da transformación. Colaborando nas iniciativas de selección das especies forestais e plantacións, dotación de infraestruturas de amoreado e seca da madeira e mellora tecnolóxica dos equipos de traballo no monte, e transformación da madeira. Con relación aos recursos patrimoniais e turismo: Crear unha Plataforma de promoción e divulgación turística que impulse iniciativas de posta en valor dos recursos naturais e da biodiversidade, paisaxe, etnográficos, artesanais, culturais, gastronómicos, arqueolóxicos, etc., orientadas a súa protección e dinamizado turístico. Facendo participes ao conxunto do sector de servizos na elaboración de paquetes turísticos e aproveitando as vantaxes comparativas que ofrece a Costa da Morte con respecto ao resto do territorio. Impulsar o Parque Natural do Monte Pindo, incluíndo un plan para a Fervenza do Ézaro. Así coma desenvolver a Rede Natura 2000 da Costa da Morte, coa aprobación dos seus Plans de Conservación, dotación económica, e promoción de tódalas oportunidades económicas que ofrece esta rede de espazos naturais europea. Apoiar e impulsar a Reserva Mariña dos Miñarzos en Carnota, en conexión coa promoción de turismo mariñeiro e gastronómico

Dotar economicamente o Plan Director do Cabo Fisterra, co obxecto de recuperar a afluencia turística perdida na última década. Elaborar o Plan de Paisaxe da Costa da Morte, co impulso dos seus elementos e monumentos paisaxísticos protexidos. Poñer en marcha un roteiro turístico de longo recorrido pola Costa da Morte, incorporando o propio Camiño de Santiago ao seu paso pola Comarca, e unha Rede Turística de Cabos e Faros da Costa da Morte, incluíndo a conversión e/ou adaptación de Faros en instalacións para atender a demanda turística (restauración, hostalería, museística). Recuperar e impulsar o Plan de Megalitismo, poñendo en valor todo o patrimonio arqueolóxico e histórico da Costa da Morte coas súas respectivas medidas de urxente protección. Impulsar actividades de ocio e lecer vinculadas ao turismo e á natureza da comarca, tales como deportes de vela, as enormes potencialidades internacionais do surf, o kayak de mar, sendeirismo, ou roteiros de btt e ciclismo de estrada. Así como a promoción da oferta de areais e festas turísticas da Costa da Morte.

PLAN DE DESENVOLVEMENTO DA COSTA DA MORTE