UNA VEZ MAIS, OS VOLUNTARIOS AUTO ORGANIZADOS FORON POR DIANTE DA XUNTA Á HORA DE RESPONDER ANTE ESTE SUCESO.
O BNG LEVA AO PARLAMENTO O ACONTECIDO CO MERCANTE ELOANE
Con data de 5 de xaneiro o mercante MSC ELOANE, un porta contedores con bandeira de Liberia deu aviso da perda de entre 30 e 45 contedores a 40 millas da costa. Nos días seguintes abeiraron a diferentes puntos da Costa da Morte numerosas produtos e sustancias procedentes da apertura destes contedores. A diversidade das crebas abeiradas, dende químicos (tinta impresoras), leite en po, tabaco, cítricos, botes pechados de todo tipo, e outros, non foi contrastada por ningunha autoridade a efectos de determinar a cantidade, así como se algún deles podería ser considerado coma vertido perigoso para as persoas ou o medio ambiente.
A partir do sábado día 13 son grupos de voluntarios os que interveñen na recollida auto organizada desas substancias, en areais coma O Rostro, Lires, ou Lourido, entre Fisterra e Muxía. Do modo no que se desenvolveron os feitos non se deduce que tivera lugar a activación do Plan de Continxencias por parte da Xunta e os voluntarios foron os primeiros en chegar a recollida de todo este vertido. De feito a Xunta tardou varios días máis en dispoñer de medios para proceder a retirada e control dos mesmos.
Deste xeito, o Bng levará ao parlamento varias preguntas sobre o asunto, xa que consideramos preciso que se explique cal foi a resposta da Xunta e si activou o Plan de Continxencias fronte a vertidos accidentais, qué medidas adoitaron os distintos departamentos da Xunta de Galiza e cal foi o alcance do vertido.
Ademais, e independentemente do risco para a navegación, é preciso esclarecer se o vertido supuxo, ou algunha parte del, algún risco potencial para as persoas, para o medio mariño e os espazos naturais e as súas especies ameazadas presentes na zona e quén recolleu os vertidos e onde se van xestionar.
Cabe recordar que a xestión das continxencias por contaminación marítima accidental en Galicia incúmbelle, no seu ámbito de competencias, á Consellería do Mar, á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, á Consellería de Sanidade e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Así mesmo instaremos a Xunta a que interceda ante a navieira ou, como é previsible, ante a aseguradora do barco para que asuma as responsabilidades que se deriven do accidente.
Ademais, volvemos a insistir na necesidade de ter no porto de Brens, unha base de resposta fronte a contaminación mariña, ao ser a infraestrutura loxística máis próximo ao Corredor Marítimo de Fisterra, e soportar a Costa da Morte a maioría de incidentes con mercantes.
Cée, a 16 xaneiro de 2018
Serxio Domínguez Louro
Responsábel Comarcal do Bng Costa da Morte