BNG CAMARIÑAS
O BNG de Camariñas denuncia que a Xunta ten no “absoluto abandono” o servizo médico no municipio
Camariñas, 24 de outubro de 2025. Desde o BNG de Camariñas veñen de denunciar a situación de “absoluto abandono” no que se atopa o servizo médico no centro de saúde de atención primaria na localidade, “debida á nefasta xestión que por desgraza nos ten acostumados a Xunta do PP”.
A formación nacionalista sinalou que desde esta semana, a chamada médica de mar colleu vacacións e non foi substituída, “co prexuízo que iso supón para os usuarios e usuarias do servizo”. Ademais, apuntou que a médica de terra que viña desenvolvendo o seu labor deixou de traballar no centro médico de Camariñas, e no seu lugar o Sergas asignou un facultativo que só atende tres horas ao día e xa ten a axenda de novembro pechada, polo que a xente que vai a pedir unha cita para dito mes non pode obtela.
“Por se fose pouco, o pediatra que vén atendendo tres días á semana ás nosas crianzas está de vacacións desde hai dúas semanas e a Xunta non cubriu a súa ausencia”, criticou o BNG camariñán, que subliña que o servizo pediátrico “é un servizo moi importante para as familias e a Xunta continúa a maltratalas”.
O voceiro municipal da organización nacionalista, Xurxo Rodríguez Baña, manifestou que “a veciñanza merece unha sanidade digna e non a pésima xestión que nos vén ofrecendo o Sergas, que non é quen de garantir o servizo; non dan cobertura ás vacacións e ás baixas do persoal, e condenan aos usuarios a ter que sufrir as carencias dunha atención totalmente inadecuada”.
O portavoz nacionalista engadiu que “os orzamentos da Xunta para 2026 son puro fume e vese no día a día, como agora en Camariñas co tema médico, que o teñen baixo mínimos e dá pena; ademais, encomendan á xente para que acuda á sanidade privada”.
Por último, Rodríguez afirmou que “o goberno galego trátanos como súbditos e cidadáns de segunda; seguiremos exixindo unha atención médica axeitada”.