BNG MUXÍA
O BNG denuncia que os caixeiros de Muxía pasaron cinco días sen dispensar cartos coincidindo coa Semana Santa
Muxía, 21 de abril de 2025. BNG de Muxía denuncia que o caixeiro da entidade Abanca leva desde o Xoves Santo ata polo menos hoxe, luns 21, ser permitir que se poidan retirar cartos, coincidindo coa Semana Santa e cunha afluencia de xente elevada no municipio. Os nacionalistas informan de que, segundo aparece na pantalla do caixeiro, o motivo é a falta de efectivo no mesmo e consideran "incrible e lamentable esta falta de previsión nunhas datas nas que todo o mundo sabe que Muxía se enche de persoas, tanto veciños do concello como visitantes, que acoden a actividades programadas nas que é necesario facer pagos en efectivo, como na festa do congro ou a do mexillón". Tampouco o outro caixeiro sito no pobo, do banco Santander, estivo operativo, co cal foi imposible para os usuarios poder dispoñer de efectivo en Muxía.
A portavoz do BNG muxián, Mercé Barrientos, manifestou que "son xa cinco días sen un servizo esencial para a cidadanía" e explicou que o tratamento que Abanca e Santander deron á veciñanza do concello "obrigando á xente a coller o coche e percorrer corenta kilómetros -quen poida- para atopar outro caixeiro que dispoña de cartos" non é de recibo en pleno século XXI.
"A privatización das caixas públicas, deixando o tecido financieiro exclusivamente en mans privadas, ten repercusións que non parece que sexan positivas para os usuarios do rural", afirmou a voceira nacionalista, que subliñou que "vimos vendo como se procedeu, ao pouco tempo da privatización das caixas, ao peche de oficinas no rural, e como as entidades recibiron a continuación subvencións da Xunta para implantar caixeiros como substitutos da atención persoal, mais que funcionan mal ou só cando alguén se lembra de que a veciñanza precisa deste servizo".
A voceira do BNG considera que facer pública esta situación axudará a que no futuro se fagan as previsións necesarias en datas festivas para que non se volvan causar estes inconvenientes, tanto á veciñanza como a visitantes e mesmo a establecementos hostaleiros e outros comercios do pobo.