BNG DUMBRÍA

O BNG de Dumbría pide ao goberno municipal a creación de bolsas de estudo para familias con crianzas en idade escolar

Xaime Trillo, voceiro municipal do BNG de Dumbría
Xaime Trillo, voceiro municipal do BNG de Dumbría
Xaime Trillo, voceiro do grupo municipal: “Sería importante que se teña en conta a nosa demanda, pois estamos nun momento onde as economías familiares están vendo como suben os prezos, polo que faise necesario que os pais e nais que teñen crianzas poidan ter unha axuda cos gastos que hai que afrontar coa escolarización”
O BNG de Dumbría pide ao goberno municipal a creación de bolsas de estudo para familias con crianzas en idade escolar

Dumbría, 6 de novembro de 2025. O BNG de Dumbría solicitou ao equipo de goberno municipal que cree unha partida económica destinada a bolsas de estudo que sirvan de axuda a familias do concello que teñan crianzas en idade escolar. 

A través dun rogo no pleno da corporación celebrado este xoves 6 de novembro, a formación nacionalista sinalou que agarda a que o executivo local teña en conta a súa petición cando elabore os próximos orzamentos municipais, creando unha partida para axudar ás familias que teñen fillos ou fillas en colexios públicos para axudar a comprar material escolar, informático e outro que se considere necesario para a actividade escolar.

O voceiro do BNG dumbriés, Xaime Trillo, afirmou que “sería importante que se teña en conta a nosa demanda, pois estamos nun momento onde as economías familiares están vendo como suben os prezos, polo que faise necesario que os pais e nais que teñen crianzas poidan ter unha axuda cos gastos que hai que afrontar coa escolarización”.
  
Preguntas no pleno
Por outra banda, o grupo municipal do BNG interesouse no pleno polo proxecto do goberno para arranxar todo o viario de camiños do monte do concello, e cuestionou “se será posto en marcha axiña ou temos que agardar a que falten seis meses para as eleccións para o goberno sacarlle rédito electoral”. 

Alén, o portavoz dos nacionalistas preguntou se o Concello ten pensado volver a colocar unha placa con simboloxía franquista na casa da escola de Bustelo, que agora é o centro social parroquial de Salgueiros, e que foi sacada durante as obras de reforma do inmoble. O voceiro do BNG agarda que se cumpra a lei de memoria democrática e dita placa non sexa reposta.

Xaime Trillo tamén se dirixiu ao alcalde para saber se o goberno local ten informado á veciñanza sobre o impacto que poderían supoñer os últimos parques eólicos que teñen previsto montar no concello, tratándose de muíños con máis de 100 metros de fuste e a menos de mil metros dalgúns núcleos de poboación, “e que evidentemente van cambiar o territorio que é o espazo vital desa veciñanza”.

Por último, o voceiro nacionalista preguntou se o Concello ten pensado facer un acto de homenaxe a Castelao neste ano 2025, tal e como tiña comprometido e tendo en conta que o ano está a piques de rematar. Ademais, interesouse pola situación laboral das traballadoras municipais do Servizo de Axuda no Fogar.

O BNG de Dumbría pide ao goberno municipal a creación de bolsas de estudo para familias con crianzas en idade escolar