BNG FISTERRA

O BNG de Fisterra rexeita a moción de censura presentada polo PP e un edil díscolo de Alternativa dos Veciños

"Non existen razóns nin motivos de peso para cambiar o goberno en Fisterra, e parece que o único que xustifica a moción de censura son intereses partidistas e persoais", afirma a formación nacionalista
O BNG de Fisterra rexeita a moción de censura presentada polo PP e un edil díscolo de Alternativa dos Veciños

Fisterra, 5 de agosto de 2025. O BNG de Fisterra rexeita a moción de censura presentada este luns 4 de agosto polo grupo municipal do PP na localidade e un concelleiro díscolo de Alternativa dos Veciños, que ao principio de mandato formou parte do goberno local e logo duns meses viu como a alcaldesa retiroulle as competencias que desenvolvía como edil no executivo.

 “Desde o BNG de Fisterra criticamos a actitude e o xeito de proceder do PP, que fai calquera cousa con tal de acceder a unha alcaldía, tal e como ten demostrado en diversas ocasións no noso país”, sinalaron os nacionalistas, que  consideran que “non existen razóns nin motivos de peso para cambiar o goberno en Fisterra, e parece que o único que xustifica a moción de censura son intereses partidistas e persoais, e o exemplo é que o PP nestes dous anos non fixo nin a primeira crítica, polo que pódese deducir que a xestión non ía tan mal”.

 A formación nacionalista manifestou que “o PP aprovéitase dun cambio legal, logo dunha sentenza do Tribunal Constitucional, para obter unha alcaldía; en Fisterra tiñamos unha maioría clara de esquerdas, que agora vaise ver alterada polo pacto entre o PP e un concelleiro que vai ser expulsado e considerado tránsfuga pola súa formación política, Alternativa dos Veciños”.

O BNG de Fisterra aclarou que seguirá facendo “unha oposición firme e construtiva, pensando nos intereses da veciñanza e no progreso do noso municipio, como a que vimos desenvolvendo nestes dous últimos anos; a experiencia sinala que Fisterra nunca avanzou con gobernos amigos do PP na Xunta, polo que seguiremos reivindicando un novo centro de saúde, un servizo  de pediatría, a execución do plan especial no cabo Fisterra, así como outras melloras que o pobo necesita”.

O BNG de Fisterra rexeita a moción de censura presentada polo PP e un edil díscolo de Alternativa dos Veciños