BNG MUXÍA

O BNG reúnese coas ANPA’s de Muxía para escoitar as súas demandas ante os recortes de profesorado da Xunta

Reunión de Mercé Barrientos e Oscar Insua con ANPAs de Muxía (17-09-25)
Reunión de Mercé Barrientos e Oscar Insua con ANPAs de Muxía (17-09-25)
Os nacionalistas reiteran o apoio ás reclamacións e mobilizacións das familias, e sinalan que “se o curso pasado as autoridades tiveron que suplir docentes, como é posible que agora fagan recortes aínda maiores”
O BNG reúnese coas ANPA’s de Muxía para escoitar as súas demandas ante os recortes de profesorado da Xunta

Muxía, 19 de setembro de 2025. A voceira municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, e o deputado da formación nacionalista no Parlamento galego, Oscar Insua, reuníronse este mércores 17 de setembro con varias representantes das ANPA’s do CEIP Os Muíños, CEIP Virxe da Barca e CEIP de Vilarmide, para escoitar ás familias e amosar o apoio ás súas demandas  ante os recortes de profesorado de reforzo para alumnado con necesidades específicas educativas por parte da Xunta de Galiza en ditos centros escolares.

As familiares das crianzas, que están a sufrir as políticas educativas do goberno galego, comunicaron a Barrientos e Insua que os citados colexios perderon horas de docencia de Pedagoxía Terapéutica (PT) con respecto ao curso pasado, a pesar de que este ano aumentaron os alumnos e alumnas que necesitan un especial apoio educativo. Así, trasladaron que no CEIP Os Muíños perderon un profesor de PT e converteron á profesora de Educación Física en itinerante. Ademais, o número de alumnado que require de axuda ascende, e hai crianzas con necesidades especiais polo que os recortes son incomprensibles. 

A ANPA do CEIP Virxe da Barca, de Muxía, explicou que os nenos e nenas desta escola tamén viron reducidas as horas de docencia de apoio, ao perderse a praza de PT que compartían co colexio dos Muiños. Así mesmo, que a Consellaría de Educación xuntou o alumnado de infantil de tres e catro anos, superando a ratio legal.

Os representantes do BNG reiteraron o respaldo do grupo nacionalista ás reclamacións das ANPA’S, e insistiron en que apoiarán en todo momento as reclamacións e mobilizacións que impulsen as familias. Neste senso, a voceira municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos manifestou que “xa o ano pasado estivemos apoiando as concentracións das ANPA´s polos recortes educativos da Xunta en varios centros escolares, e logo das protestas a Consellaría de Educación tivo que repoñer ao profesorado que as familias demandaban; se o curso pasado as autoridades tiveron que suplir docentes, non se entende que agora fagan recortes aínda maiores”.

A concelleira nacionalista cargou contra a política educativa da Xunta. “Paréceme escandaloso o que están facendo co alumnado máis vulnerable. O ano pasado tiveron que rectificar, e este ano terán que volver a facelo”, afirmou Mercé Barrientos, que sinalou que lle parece lamentable que “estes recortes vaian acompañados dunha orde do goberno galego pola que se subvenciona aos colexios concertados para que contraten docentes de Pedagoxía Terapéutica (PT) Audición e Linguaxe (AL) e, incluso, con esas axudas permítense xustificar a contratación de fisioterapeutas”.

O BNG reúnese coas ANPA’s de Muxía para escoitar as súas demandas ante os recortes de profesorado da Xunta