BNG CORCUBIÓN

A oposición únese para que reine o caos de tráfico en Corcubión

Francisco Santiago, concelleiro de Urbanismo de Corcubión, na praza Castelao
Francisco Santiago, concelleiro de Urbanismo de Corcubión, na praza Castelao
A oposición únese para que reine o caos de tráfico en Corcubión

Corcubión, 19 de xullo de 2025. O equipo de goberno do BNG de Corcubión lamenta que os grupos da oposición se teñan unido para que reine o caos de tráfico no municipio, principalmente na praza Castelao, logo do visto no último pleno da corporación celebrado este venres 18 de xullo, onde o PSOE, PP e Sempre Corcubión amosaron o seu rexeitamento ao plan de recuperación do espazo público impulsado polo executivo municipal, que pretende humanizar unha zona do casco histórico da vila pensando nas persoas e respondendo ao compromiso coa veciñanza adquirido durante a campaña electoral en 2023.

O goberno do BNG criticou o “oportunismo político” da oposición,  aproveitando que existe un grupo de xente que está mostrando reacción ao plan de humanización, e subliñou que os grupos opositores non presentaron ningunha alternativa concreta neste senso para levar a cabo no centro do pobo. Os nacionalistas engadiron que “o PSOE non foi capaz de realizar ningunha iniciativa en vinte anos que estiveron gobernando, e agora únense ao PP para rexeitar unha proposta que busca priorizar ás persoas ante os vehículos”.

O alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, sinalou que “percibimos que a maioría da veciñanza está a favor de dispor de prazas para residentes, máis aló de que neste tipo de casos sempre hai resistencias ao principio por parte dunha parte da xente”. 

O rexedor afirmou que “é penoso que o PSOE se una ao PP neste tema; predicaron que estaban a favor da humanización pero agora actúan de xeito contrario rexeitando o plan do goberno local”.
Xabier Domínguez aclarou que as medidas propostas son temporais e, por tanto, entrarán en vigor por resolución da alcaldía. “Desde o equipo de goberno asesorámonos para que este plan cumpra coas normativas vixentes”, insistiu.

A oposición únese para que reine o caos de tráfico en Corcubión