BNG CAMARIÑAS
O BNG Camariñas critica as “trampas” do goberno local para investir 100.000 euros no Museo dos Naufraxios

Camariñas, 6 de febreiro de 2025. O BNG de Camariñas, a través do seu voceiro municipal Xurxo Rodríguez, criticou ao equipo de goberno local polo que considera “xogar con trampas” respecto a un investimento de 100.000 euros previsto para o Museo dos Naufraxios.
Rodríguez sinalou que para o POS Único 2025, que foi aprobado en pleno este mércores 5 de febreiro, o executivo camariñán presentou unha proposta que, aparte do destinado para diversas obras, contempla 260.000 euros para gasto corrente.
“Da cantidade prevista para este gasto corrente, a alcaldesa colle 100.000 euros para investilo no Museo dos Naufraxios, e no pleno non comentou nada ao respecto”, afirmou o concelleiro do BNG, que subliñou que “non se pode sacar cartos da partida de gasto para metelos nun investimento, neste caso no referido museo”.
Xurxo Rodríguez criticou “as trampas do executivo liderado por Sandra Insua, que fai o xogo dos trileros porque non conta con orzamentos municipais e destina para o Museo dos Naufraxios un diñeiro previsto para gastos”.