BNG COSTA DA MORTE
O BNG solicita á Xunta aprobar un plan experimental para que os mergulladores de Corcubión poidan extraer ameixa e ameixón

Costa da Morte, 7 de febreiro de 2025. O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza aprobar un plan de explotación experimental nas zonas marisqueiras da enseada de Corcubión para explotar a ameixa, nas distintas variedades, e o ameixón, empregando o mergullo con subministración de aire dende a embarcación.
O deputado nacionalista, acompañado de Lois Lado, vicerresponsable local, tivo unha xuntanza esta semana cos mergulladores na que estes explicáronlle as necesidades existentes para mellorar a súa actividade, así como outros problemas que están tendo á hora de traballar. Oscar Insua rexistrou varias iniciativas parlamentarias sobre diversos asuntos e tamén preguntas para saber se a Consellería do Mar é coñecedora de que existen recursos abundantes como a ameixa e o ameixón nas zonas de extracción da navalla na ría de Corcubión.
O representante do BNG Costa da Morte no Parlamento galego afirmou que “en Corcubión pasa como en Fisterra, solo que na zona da Langosteira teñen un plan de explotación da ameixa con raño, e en Corcubión non hai nin plan nin nada, e non se pode sacar. Os mergulladores queren extraer esa ameixa e o ameixón con subministración de aire dende a lancha, pero increiblemente o PP négase, e iso que llo prometeron antes das eleccións”. E engadiu que “dende o BNG seguiremos insistindo até que o PP entre no uso da razón, porque é unha demanda sensata e está inicialmente avalada polos biólogos.”