BNG CAMARIÑAS

O BNG de Camariñas vota contra os orzamentos municipais tras rexeitar o equipo de goberno as emendas nacionalistas

Xurxo Rodríguez, voceiro do BNG Camariñas
Xurxo Rodríguez, voceiro do BNG Camariñas
O voceiro municipal do BNG, Xurxo Rodríguez, sinala que  “os orzamentos destinan recursos a proxectos innecesarios, pouco transparentes e que non axudan ás nosas nenas e nenos”
O BNG de Camariñas vota contra os orzamentos municipais tras rexeitar o equipo de goberno as emendas nacionalistas

O concelleiro do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez, votou este luns 24 en sesión plenaria en contra dos orzamentos municipais logo de que o equipo de goberno rexeitase catro emendas do grupo nacionalista que buscaban a mellora das contas e un carácter máis progresista das mesmas.

As emendas presentadas polo BNG foron as seguintes:

⦁ Retirada da partida da rehabilitación da lonxa para facer o museo dos naufraxios, esixindo a Portos de Galicia o mantemento e conservación do edificio.

 

⦁ Dotación de partidas para crear áreas de xogo xuvenís na Ponte de Porto, Camelle e Camariñas.

⦁ Incluír unha partida para facer a cuberta do parque infantil do colexio de Camelle, para desfrute das crianzas.

⦁ Inclusión do superávit en partidas sociais, como a atención aos máis necesitados.

Xurxo Rodríguez sinalou no pleno que “os orzamentos destinan recursos a proxectos innecesarios, pouco transparentes e que non axudan ás nosas nenas e nenos”, e preguntouse “se estamos a empregar o noso diñeiro de forma responsable”. 

O portavoz nacionalista subliñou que “en lugar de dar prioridade e ampliar gasto en áreas esenciais como servizos sociais, educación, mobilidade sostible ou o mantemento das infraestruturas básicas, o goberno local opta por obras faraónicas ou proxectos que nada contribúen ao ben común, como o arranxo da lonxa ou o gasto excesivo na Mostra do Encaixe”.

Rodríguez fixo fincapé “na falta dunha verdadeira planificación estratéxica que poña no centro ás persoas, como fonte de recuperación da nosa economía e da poboación perdida”.

O BNG aclarou que está a favor de que se elaboren uns orzamentos, “para saber o funcionamento das contas municipais, mais o proxecto presentado polo grupo de goberno parécenos insuficiente e non está centrado nas necesidades reais da veciñanza”.

O BNG de Camariñas vota contra os orzamentos municipais tras rexeitar o equipo de goberno as emendas nacionalistas