BNG COSTA DA MORTE

O BNG da Costa da Morte reafirma o seu apoio ás ANPA’s ante os recortes de profesorado da Xunta do PP

Foto de arquivo da concentración de ANPA's en Muxía, no mes de outubro
Foto de arquivo da concentración de ANPA's en Muxía, no mes de outubro
Os nacionalistas confirman o seu respaldo á mobilización convocada polas familias para este luns 8 de decembro en Cee, e critican que o goberno galego non atenda unha demanda tan necesaria e importante como é a educación do alumnado con necesidades especiais
O BNG da Costa da Morte reafirma o seu apoio ás ANPA’s ante os recortes de profesorado da Xunta do PP

Costa da Morte, 7 de decembro de 2025. O BNG da Costa da Morte vén de reafirmar o seu apoio ás ANPA’s ante os recortes de profesorado que están a sufrir centros escolares da comarca por parte da Xunta de Galiza do Partido Popular, e confirmou o seu respaldo á concentración convocada polas familias prevista para este luns 8 de decembro, ás 17:00h, na Praza 8 de Marzo de Cee.

A formación nacionalista criticou a negativa do goberno galego a atender as reivindicacións dos pais e nais de alumnado, que están a demandar desde que iniciou este curso escolar máis docentes especialistas para reforzar a ensinanza das crianzas con necesidades especiais. 

O BNG sinalou que os centros educativos especialmente afectados son o o CEIP Vila de Cee e IES Agra de Raíces, na vila ceense; e o CEIP Os Muíños, CEIP Virxe da Barca e CEIP Vilarmide, en Muxía. Neste senso, tanto o CEIP Vila de Cee como os centros de Muxía precisan de máis horas semanais de profesores de pedagoxía terapéutica (PT). 

E no caso do IES Agra de Raíces, os nacionalistas salientaron que no curso pasado o instituto contou con dous PT’s, unha coidadora e un profesor de audición e linguaxe(AL) que estaba compartido. “E sen embargo, este ano teñen unha coidadora soa, non teñen especialista AL e teñen dous PT’s, cando en realidade farían fata catro, segundo demandan a ANPA; ademais de necesitar dúas coidadoras e polo menos un especialista de audición e linguaxe”, indicaron.

O responsable comarcal do BNG Costa da Morte, Xurxo Rodríguez Baña, manifestou que “o BNG leva apoiando ás familias desde que comezou o curso escolar, e cabe lembrar que trasladamos a problemática ao parlamento galego da man do deputado Oscar Insua, e comprobamos como a Xunta nega que os centros escolares de Muxía e Cee necesiten de máis docentes especialistas”.

Rodríguez Baña engadiu que “as crianzas da nosa comarca non poden ser de segunda; a Xunta do PP tenas abandonadas, tanto na educación como na sanidade e outras cuestións; non podemos permitilo e imos a seguir loitando para que se respecten os seus dereitos”. 

O BNG da Costa da Morte reafirma o seu apoio ás ANPA’s ante os recortes de profesorado da Xunta do PP