BNG COSTA DA MORTE

O BNG denuncia que a Xunta leva 5 meses sen comunicar a información requirida sobre a atención ao alumnado vulnerable nos centros escolares da comarca

Membros do BNG participando nunha concentración en Cee de apoio ás demandas das familias respecto aos recortes educativos.
Membros do BNG participando nunha concentración en Cee de apoio ás demandas das familias respecto aos recortes educativos.
Os nacionalistas sinalan que o deputado Oscar Insua solicitou a Educación en outubro e decembro pasado os datos de alumnado con necesidades especiais por curso e aula, así como o número de docentes de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe por cada centro escolar
O BNG denuncia que a Xunta leva 5 meses sen comunicar a información requirida sobre a atención ao alumnado vulnerable nos centros escolares da comarca

Costa da Morte, 25 de febreiro de 2026. O BNG vén de denunciar que a Xunta de Galiza leva 5 meses sen dar resposta á solicitude de información realizada polo deputado do BNG Oscar Insua, respecto á atención ao alumnado con necesidades especiais nos centros escolares da Costa da Morte. Os nacionalistas subliñaron que “a petición foi realizada en outubro pasado, mediante o artigo 9 do regulamento do Parlamento galego, e Educación continúa sen comunicar nada cando xa estamos case en marzo, e logo de que vaia transcorrido máis da metade do curso escolar”.

En concreto, Insua pediu que o goberno galego traslade un informe no que se contemple toda a información sobre a matrícula de alumnos e alumnas nas ensinanzas obrigatorias (infantil, primaria e educación secundaria) nos distintos colexios públicos e concertados de toda a comarca, detallando o número de escolares por curso e por aula en cada colexio, así como o número de alumnado NEE (Necesidades Educativas Especiais) e NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo) que hai en cada un deles.

Así mesmo, o parlamentario nacionalista solicitou que lle comuniquen o número de profesores e profesoras de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe que hai en cada colexio, así como a cantidade de coidadores (ATE).

O BNG lembrou que a Xunta segue a “facer oídos xordos” ás reivindicacións das familias, que desde o inicio do ano escolar están demandando máis profesorado especializado para a atención das necesidades educativas dos alumnos e alumnas máis vulnerábeis nos centros escolares da Costa da Morte, nomeadamente os de Muxía e Cee, que están precisando de máis recursos nese sentido.

“Insistiremos ata que a Consellería de Educación atenda as demandas das ANPA’s, e continuaremos apoiando ás familias”, subliñaron desde a formación nacionalista, que indicou que este martes 24 de febreiro volveron a levar a problemática ao Parlamento galego da man da deputada Cristina Fernández, que defendeu unha iniciativa na que reclamou á Xunta que adopte as medidas necesarias para mellorar a situación do alumnado con necesidades educativas especiais nos centros escolares galegos, e na que o PP votou en contra. 

Os deputados do PP votaron en contra desta iniciativa do BNG, na que se solicitaba actualizar o catálogo de profesorado e especialistas existentes nos centros educativos para adecualo á nova realidade da matrícula, con maior alumnado con diagnósticos que esixen unha atención temperá e individualizada, alumnado migrante e con necesidades escolarizado en centros ordinarios, entre outras peticións.

Oscar Insua manifestou que “omitir información é a forma máis antiga de enganar á xente, e é o que está a facer o Partido Popular na Costa da Morte”, e engadiu que “é unha vergoña que a estas alturas do curso teñamos que seguir mendigando profesorado para o alumnado con necesidades especiais. Os informes das direccións dos colexios na comarca están aí, con cifras ben claras e que aumentaron coas novas matrículas fóra de prazo, e seguimos a descoñecer os criterios utilizados pola Consellería para negarse a dotar de máis profesores de PT e AL”. 

Por último, o deputado declarou que “o PP da Costa da Morte é cómplice do goberno galego e aquí na comarca tamén calan, permanecen en silencio ante as demandas dos pais e nais que o único que queren é o mellor para os seus fillos, e para os deles tamén”.

O BNG denuncia que a Xunta leva 5 meses sen comunicar a información requirida sobre a atención ao alumnado vulnerable nos centros escolares da comarca