BNG FISTERRA

O BNG denuncia que a Xunta sigue condenando a Fisterra a non dispoñer de servizo de pediatría

Concentración para reclamar servizo pediátrico en Fisterra (xullo 2024)
Concentración para reclamar servizo pediátrico en Fisterra (xullo 2024)
Tereixa Fernández, voceira municipal dos nacionalistas, afirma que “exiximos unha solución á Xunta, pois xa estamos fartos de tantas promesas que non son cumpridas; o Sergas dixo que cubriría a praza de pediatra xa no verán de 2024, e logo de máis dun ano continuamos sen o servizo”
O BNG denuncia que a Xunta sigue condenando a Fisterra a non dispoñer de servizo de pediatría

Fisterra, 10 de setembro de 2025. O BNG de Fisterra vén de denunciar que a Xunta de Galiza sigue condenando ao municipio a non ter servizo de pediatría, logo de que o Sergas dese a coñecer que no novo concurso que impulsou para cubrir os chamados postos de difícil cobertura, na vila do Cristo quedase vacante a praza para dispoñer dun pediatra.

A formación nacionalista incidiu en que o goberno galego leva 16 anos gobernando e non foi quen de facer unha previsión para cubrir as prazas de municipios periféricos. “É unha mostra máis da ineptitude e nefasta xestión da Xunta do PP, neste caso en materia sanitaria”, sinalou o BNG, que lembrou que en Fisterra levan moito tempo sen un servizo pediátrico e a atención médica das crianzas sigue sendo derivada ao centro de saúde de Cee, provocando saturación no servizo, con retrasos en citas, revisións de idades e vacinacións.

A voceira municipal do BNG de Fisterra, Tereixa Fernández manifestou que “exiximos unha solución á Xunta, pois xa estamos fartos de tantas promesas que non son cumpridas; o Sergas dixo que cubriría a praza de pediatra xa no verán de 2024, e logo de máis dun ano continuamos sen o servizo”.

A portavoz nacionalista insistiu en que o problema persiste desde que se xubilou o profesional que exercía de puericultor na vila en marzo de 2024, e indicou que a Xunta debería estabelecer uns criterios que fagan máis atractivas as prazas sacadas a concurso, para que non queden vacantes. “Seguiremos loitando e mobilizándonos por algo que é un dereito e que tería que estar consolidado”, afirmou Tereixa Fernández.   

O BNG subliñou que xa ten organizado concentracións na localidade para denunciar a situación, así como outras iniciativas e mocións, e advertiu que se o problema continúa seguirán coas mobilizacións ata que o goberno galego atenda á necesidade de contar cun servizo pediátrico en Fisterra.

O BNG denuncia que a Xunta sigue condenando a Fisterra a non dispoñer de servizo de pediatría