BNG MUXÍA

O BNG de Muxía demanda que se implante un horario axeitado sen ruído todos os días das festas da Barca

Mercé Barrientos, portavoz municipal do BNG de Muxía
Mercé Barrientos, portavoz municipal do BNG de Muxía
Os nacionalistas trasladan a petición das familias e propoñen que se leve a cabo nunha franxa horaria cómoda, como podería ser de 18:00 a 20:00 horas
O BNG de Muxía demanda que se implante un horario axeitado sen ruído todos os días das festas da Barca

Muxía, 11 de setembro de 2025. O BNG de Muxía vén de trasladar a demanda das familias para que se implante un horario axeitado sen ruído para todos os días da festa da Barca, e propoñen unha franxa horaria de 18:00 a 20:00 horas. “Pensamos que sería un horario cómodo para que os familiares poidan levar ás atraccións ás crianzas con diversidade funcional ou hipersensibilidade estimular”, sinalaron os nacionalistas, logo de ter coñecemento “que a intención dos organizadores é de estabelecer un só día sen ruído, o sábado 13, nun horario de 16:00 a 18:00 horas; cremos que esta franxa horaria non é a máis axeitada, pois a esas horas, en días de festa, a xente aínda está comendo ou rematando de facelo”.

O BNG explicou que a asociación Paseniño e a plataforma Reiseñores, que traballan en inclusión social, así como algunhas familias, están a demandar que a festa debe de ser para todo o mundo. “Para conseguir este obxectivo sería aconsellable que nas Festas da Barca se implantara unha medida que permitira a estas familias ter un período de descanso sensorial e mesmo acudir ás atraccións”, subliñou.

A formación nacionalista lembrou que “as persoas con diversidade funcional ou hipersensibilidade estimular, como as que padecen algunha alteración do espectro autista, sofren durante as festas aumentos da dor, irritabilidade, ansiedade e mesmo angustia por mor do ruído excesivo; este fenómeno pode ser máis acusado no caso dos menores de idade”.

A voceira municipal do BNG, Mercé Barrientos, sinalou que esta iniciativa xa se levou a cabo con éxito nas festas dos concellos de Cee, Corcubión ou Fisterra, e non ten custe económico. “Mesmo pode facilitar que as familias acudan con tranquilidade ás atraccións e postos ao proporcionarlles un pequeno período de relaxación sensorial”, afirmou a portavoz nacionalista, que incidiu en que “as asociacións comentan que, de feito, o resto das familias tamén adoitan agradecer que se leve a cabo este horario sen ruído durante un par de horas ao día”.

Barrientos trasladou que “sería esencial a colaboración do concello coa Comisión de Festas para garantir o cumprimento desta medida que aposta pola inclusión e a festa para todos e todas”.

O BNG de Muxía demanda que se implante un horario axeitado sen ruído todos os días das festas da Barca