BNG DUMBRÍA
O BNG de Dumbría propón darlle uso á antiga escola unitaria situada no recinto do CEIP Santa Eulalia
O voceiro nacionalista, Xaime Trillo, sinalou que “o edificio leva anos abandonado, e nós cremos que xa é hora de que poida volver a ter actividade”
Dumbría, 9 de novembro de 2024. O BNG de Dumbría propuxo no último pleno municipal, celebrado o pasado 7 de novembro, que se lle dea uso á antiga escola unitaria que está situada no complexo do CEIP Plurilingüe Santa Eulalia. Para elo, pediu ao Concello que realice os trámites necesarios para instar á Xunta de Galiza a que habilite as instalacións, buscando a fórmula legal axeitada para levalo a cabo.
Os nacionalistas sinalaron que o edificio podería acoller un local para a ANPA do centro escolar de Dumbría, e incluso para outras actividades escolares ou veciñais.
O voceiro do BNG dumbriés, Xaime Trillo, indicou que o edificio leva anos abandonado, e nós cremos que xa é hora de que se poida volver a ter actividade”. O representante nacionalista afirmou que “o equipo de goberno municipal pode facer xestións para buscar unha solución, e por iso pedímoslle no pleno que inste ao Goberno galego a preparar a antiga escola unitaria para o seu uso”.