BNG FISTERRA
O BNG de Fisterra reivindica o seu traballo nas ordenanzas de autocaravanas e camiños forestais aprobadas en pleno
Fisterra, 7 de xuño de 2025. O BNG de Fisterra vén de reivindicar o seu traballo nas dúas ordenanzas que foron aprobadas polo Pleno da Corporación o pasado xoves 5 de xuño: a de autocaravanas e a de protección de camiños e vías públicas municipais (camiños forestais). Os nacionalistas lembraron que os trámites destas dúas normativas municipais xa foron impulsados cando o BNG estaba no goberno local no anterior mandato.
A voceira municipal do BNG , Tereixa Fernández, afirmou que “o labor que fixo o noso grupo cando participamos no goberno ve agora os seus froitos”.
A concelleira nacionalista subliñou a importancia de que Fisterra conte coas ordenanzas agora aprobadas. “Sempre defendemos que era necesario dispoñer dun marco legal que regulase tanto as caravanas como os camiños forestais, e por iso neste mandato insistimos en preguntar en todos os plenos como ían os trámites”, sinalou Fernández, que destacou que no caso das autocaravanas “estabamos a sufrir problemas de tráfico e de acampadas sen autorización, polo que a necesidade dunha ordenanza era evidente”.
No tocante á ordenanza de protección de camiños forestais, a portavoz do BNG manifestou que “coa norma aprobada haberá unha seguridade xurídica para que os camiños nos que se producen traballos madereiros queden no mesmo estado logo dos labores das empresas do sector”.