BNG COSTA DA MORTE

O BNG pide á Xunta que actúe axiña na igrexa de San Martiño de Ozón, en Muxía

Muro derrubado no recinto do antigo mosteiro de Ozón
Muro derrubado no recinto do antigo mosteiro de Ozón
Oscar Insua, deputado do BNG: “Gastan miles de euros en promocionar e manter o xacobeo, e logo os peregrinos se atopan co muro do recinto do mosteiro derrubado enriba do mesmo camiño; leva meses así, e pode seguir caendo,  o que supón un evidente perigo”
O BNG pide á Xunta que actúe axiña na igrexa de San Martiño de Ozón, en Muxía

Costa da Morte, 6 de xuño de 2025. O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, rexistrou iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza que realice un estudo para avaliar canto antes as deficiencias na cuberta e muros interiores da Igrexa de San Martiño de Ozón, en Muxía, así como a atopar unha solución para arranxar e levantar un muro derrubado ao pé do camiño xacobeo.

Desde o BNG advertiron que o estado de conservación do conxunto arquitectónico de San Martiño de Ozón, que está situado na Prolongación Xacobea a Fisterra (variante de Dumbría), non é o máis adecuado. Indicaron que a igrexa parroquial presenta deficiencias nas cubertas e nos seus muros,  o que provoca numerosas filtracións de auga que afectan ao patrimonio escultórico, artístico e bibliográfico da igrexa. 

Así mesmo, os nacionalistas sinalaron que o muro de pedra que pecha o recinto da parcela do antigo mosteiro ten aproximadamente cinco metros derrubados, e as pedras están enriba do mesmo camiño de peregrinos que está sinalizado como vía romana e que forma parte do Camiño de Santiago.

Mercé Barrientos, portavoz do BNG de Muxia, visitou a igrexa a petición dalgunhas veciñas, que aproveitaron para trasladarlle a súa inquedanza polo estado de conservación do templo, ao que acoden como membros da parroquia. "Observamos que as cubertas están en mal estado e a canle central do tellado filtra auga polos muros abaixo, de xeito que a humidade afecta xa a muros e retablos; tamén comprobamos o estado deficiente do piso de madeira superposto ao solado de pedra”, sinalou Barrientos. 

A voceira nacionalista precisou que “é necesaria unha intervención urxente e de calado para garantir a conservación do ben; non é o único patrimonio relixioso do concello en perigo. Tamén a igrexa de Coucieiro, co retablo do século XVIII moi deteriorado e, por suposto, o santuario da Barca, requiren actuacións para a súa conservación e posta en valor”. 

Mercé Barrientos subliñou que “coa poboación das parroquias envellecida e minguando cada ano, resulta complicado que poidan afrontar os custeos de mantemento deste patrimonio sen axuda institucional”.

O BNG pide á Xunta que actúe axiña na igrexa de San Martiño de Ozón, en Muxía