BNG COSTA DA MORTE

O BNG leva ao Parlamento galego as deficiencias no IES Fernando Blanco de Cee

Membros do BNG participando nunha concentración en Cee de apoio ás demandas das familias respecto aos recortes educativos.
Membros do BNG participando nunha concentración en Cee de apoio ás demandas das familias respecto aos recortes educativos.
O deputado Oscar Insua presenta unha iniciativa na que urxe á Xunta a actuar ante os problemas que presenta o instituto ceense
O BNG leva ao Parlamento galego as deficiencias no IES Fernando Blanco de Cee

Costa da Morte, 1 de febreiro de 2026. O BNG da Costa da Morte vén de anunciar que, a través do deputado Oscar Insua, presentou no Parlamento galego unha iniciativa na que urxe á Xunta de Galiza do Partido Popular a que actúe ante as múltiples deficiencias que presenta o IES Fernando Blanco de Cee, que foron postas en coñecemento polo equipo directivo do centro ante as autoridades educativas en reiteradas ocasións. 

Os nacionalistas manifestaron o seu apoio ás demandas da comunidade educativa e criticaron que o goberno galego “non teña dado resposta algunha, a pesares dos continuos avisos dos responsábeis do instituto ceense”. Sinalaron, así mesmo, que o caso do IES Fernando Blanco “non é algo puntual na comarca, pois existen outros centros educativos que presentan graves eivas e se atopan en mal estado, como o CEIP Labarta Pose de Baio, O CPI de Zas e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso”.

O BNG lembrou que o profesorado do IES Fernando Blanco ten denunciado diversas deficiencias estruturais no centro, como filtracións de auga que obrigan a dar clase con caldeiros no chan, que xa provocaron accidentes; ademais de cortes de luz constantes, falta de climatización e un sistema de calefacción obsoleto. 

Os docentes tamén sinalaron que hai unha vacante en conserxaría sen cubrir desde hai máis dun curso, e que a seguridade viaria nos accesos ao instituto está en grave risco, por falta de sinalización e exceso de velocidade do tráfico.

O deputado Oscar Insua manifestou que "hai tempo que os responsables do instituto avisaron do estado do instituto e non fan nada. Ten que caer o tellado ou pasar unha desgraza pra que movan un dedo?”.

O parlamentario nacionalista engadiu que "non podemos permitir que os alumnos e alumnas teñan goteiras nas aulas, é unha vergoña. Despois temos que escoitar ao conselleiro do PP que temos a mellor educación; non sei onde, pero na Costa da Morte son varios os centros que precisan reformas urxentes".

O BNG leva ao Parlamento galego as deficiencias no IES Fernando Blanco de Cee