BNG MUXÍA
O BNG de Muxía apoia a presentación do libro “Intelixencia Artificial para a sociedade”, de Fina Paulos e Óscar Rey
Muxía,18 de febreiro de 2025. O BNG de Muxía anunciou que apoia a presentación do libro "Intelixencia Artificial para a sociedade", de Fina Paulos e Óscar Rey, que terá lugar na Biblioteca Municipal este venres 21 de febreiro ás oito da tarde. O acto, que estará precedido dunha charla sobre a utilidade práctica da IA na vida cotiá, está organizado pola Asociación Cultural Xervasio Paz e conta coa colaboración do Concello de Muxía.
Fina Paulos e Óscar Rey falarán da Intelixencia Artificial para as persoas dende unha perspectiva educativa, moi amena e práctica. O que buscan os autores coa publicación deste libro é darlle unha oportunidade de achegarse ao mundo da intelixencia artificial a todas as persoas que non sexan expertas na materia, dende unha perspectiva sinxela e amable para todos os públicos.
O acto de presentación do libro estará precedido dunha demostración práctica do impacto da IA na vida das persoas e no seu día a día, dirixido para todos os públicos e con vocación de utilidade. Tamén tratarán sobre o impacto positivo que a IA ten para as persoas con diversidade.
“Intelixencia Artificial para a sociedade” é un libro escrito en galego que aporta á cidadanía unha porta de entrada a un mundo que está a empapar todos os sectores sociais. As persoas que decidan acudir, poderán coñecer como se leva a cabo un proceso automático de valoración de analíticas, reparación fotográfica e son, creación de menús saudables ou aprender a estabelecer unha conversa cunha IA e facerlle preguntas específicas dunha temática da que nós mesmos aportamos datos.
Experiencia en innovación educativa
Fina e Óscar, autores desta publicación co apoio de Medulia Editorial, son profesionais cunha ampla experiencia en innovación educativa e no uso ético da intelixencia artificial. Ao longo dos anos, participaron en proxectos destinados a fomentar o impacto positivo da IA na sociedade, promovendo valores como a igualdade, o respecto pola diversidade e a ética no manexo destas ferramentas.
Inspirados pola necesidade de achegar a IA a todas as persoas, os autores estruturaron o libro para guiar ao lector dende conceptos básicos ata aplicacións prácticas, sempre cun enfoque accesible e motivador. O seu compromiso non se limita ao ámbito técnico: tamén inclúe unha reflexión profunda sobre os desafíos éticos, sociais e legais que esta tecnoloxía implica.