BNG CAMARIÑAS
O BNG reclama ao goberno do Estado que solucione a situación de abandono da oficina de Correos de Camariñas

Os nacionalistas sinalan que “a falta de persoal preocupa á veciñanza”, e indican que a oficina “leva case un mes sen conexión a internet”
O voceiro do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez, afirma que “hai que rematar co estado de desmantelamento desta oficina para garantir o dereito ao acceso postal universal e a prestación de servizos de calidade”
Camariñas, 20 de febreiro de 2025. O BNG, a través do parlamentario Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso dos Deputados na que pide ao goberno do Estado que dea solución á situación de abandono na que se atopa a oficina de Correos de Camariñas, que ten falta de persoal e que leva case un mes sen conexión a internet. A formación nacionalista sinalou que a única persoa que traballa nas dependencias de Camariñas está a derivar á xente á oficina de Correos de Vimianzo ou deben agardar a que se poida tramitar a xestión, sabendo que non recibirán as xustificacións até un día máis tarde.
“A situación de Correos de Camariñas é de absoluto abandono e o seu deterioro preocupa á veciñanza; hai tempo que non se cubre unha das baixas, descoñecéndose se é unha xubilación ou unha baixa por doenza”, indicaron desde o BNG, que subliñou que a outra oficina do municipio, situada na Ponte do Porto, “recortou o servizo a tan so unha hora ao día de atención ao público”. Ademais, a persoa traballadora que está na oficina de Camariñas parece estar adscrita á de Vimianzo.
O voceiro municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña, afirmou que “cremos que a Sociedade Estatal de Correos debe solucionar a deficiencia de persoal na oficina de Camariñas, cubrindo a baixa, así como resolver canto antes a inaccesibilidade a internet e garantir a conexión en todo momento para poder prestar os servizos postais”.
Rodríguez Baña insistiu en que o Goberno estatal debe aclarar se vai a adoptar medidas para reforzar o seu persoal e os medios, e destacou que “hai que rematar co estado de desmantelamento desta oficina para garantir o dereito ao acceso postal universal e a prestación de servizos de calidade”.