BNG MUXÍA

O BNG de Muxía demanda apoio e recoñecemento do Concello para deportistas individuais

Lucía Pazos - deportista de Merexo
Lucía Pazos - deportista de Merexo (Muxía)
A voceira municipal, Mercé Barrientos, manifestou que “o Concello vén destinando axudas a asociacións deportivas como o club de fútbol ou a asociación de cazadores; porén, as e os deportistas individuais do noso municipio que compiten a nivel estatal e mesmo internacional levan moitos anos sen recibilas”
O BNG de Muxía demanda apoio e recoñecemento do Concello para deportistas individuais

Muxía, 3 de febreiro de 2025. O BNG de Muxía defenderá unha moción no vindeiro Pleno da Corporación na que solicita apoio do Concello para deportistas individuais, realizando recoñecementos puntuais ou mediante unha gala do deporte a clubs, deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces deportivos do municipio que acaden éxitos deportivos relevantes. 

A iniciativa tamén recolle que se incorpore nas partidas orzamentarias anuais unha cantidade destinada a bolsas para deportistas do municipio que tomen parte en competicións oficiais de carácter estatal ou internacional, e que se elabore e publique un regulamento no que se establezan as condicións para acceder ás citadas axudas.

A formación nacionalista subliñou que impulsan esta proposta porque o alto nivel deportivo supón altas cotas de exixencia non só deportiva senón noutros ámbitos como o familiar, formativo, laboral ou social, e precisa por parte dos poderes públicos de respostas para facilitar a deportistas o poder optimizar a súa preparación e compatibilizala co desenvolvemento do resto dos seus planos vitais.

A portavoz do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, lembrou que “o Concello vén destinando axudas a asociacións deportivas como o club de fútbol ou a asociación de cazadores”. Porén, a concelleira nacionalista subliñou que “as e os deportistas individuais do noso municipio que compiten a nivel estatal e mesmo internacional levan moitos anos sen recibilas para sufragar os gastos de participación en competicións que poden supor para eles ou as familias un dispendio importante e mesmo un hándicap para poder continuar as súas carreiras deportivas”.

O BNG de Muxía demanda apoio e recoñecemento do Concello para deportistas individuais