BNG COSTA DA MORTE

O BNG esixe á Consellería de Sanidade axilizar a posta en funcionamento do servizo onco-hematolóxico no hospital público comarcal

Oscar Insua no Parlamento galego
Oscar Insua no Parlamento galego
O deputado Oscar Insua manifestou que “estamos fartos da propaganda do PP, levan un ano anunciando este servizo, e non se sabe nin onde vai ir, nin que persoal vai atendelo”, namentres esperan a que Sanidade dea unha resposta ás preguntas rexistradas en decembro sobre a falta de persoal facultativo no centro hospitalario 
O BNG esixe á Consellería de Sanidade axilizar a posta en funcionamento do servizo onco-hematolóxico no hospital público comarcal

Costa da Morte, 1 de febreiro de 2025. O BNG da Costa da Morte, a través do deputado Oscar Insua, esixe á Xunta de Galiza que publique o proxecto e axilice os trámites para pór en funcionamento o servizo de onco-hematolóxico no hospital público comarcal “Virxe da Xunqueira” no primeiro semestre de 2025.    

Insua anunciou o rexistro dunha iniciativa no Parlamento galego na que, alén de solicitar que se apure o inicio deste servizo tan demandado na comarca, quere saber cales son os impedimentos existentes para que aínda non estea habilitado, tendo en conta que a consellaría anunciouno hai un ano, así como a previsión exacta que ten a Xunta para abrilo aos doentes de cancro e cales son as partidas orzamentarias habilitadas para este proxecto. 

O deputado nacionalista sinalou que “os enfermos de cancro e as familias están indignadas de tanta espera, dixeron que o abrían o ano pasado e nada, e agora volven a anunciar a bombo e pratiño que o van a abrir este ano, pero non din cando. Nada se sabe do proxecto, nin da posta en funcionamento, nin da ubicación, nin do persoal..... É outra burla máis á comarca, porque este servizo hai anos que tiña que estar habilitado, como ocorre noutros hospitais comarcais. Para o PP os da Costa da Morte somos os últimos da fila”. 

O BNG lembrou que a Consellaría de Sanidade aínda non deu resposta a outra iniciativa presentada o pasado mes de decembro, na que pedía para o Hospital “Virxe da Xunqueira” melloras asistenciais en diversas especialidades, un novo servizo de cardioloxía e recuperar a normalidade no servizo de hospitalización a domicilio. “Nin contestaron por escrito, nin respondeu o conselleiro nunha interpelación realizada no pleno do Parlamento este mércores pola deputada do BNG Montse Prado”, indicou a formación nacionalista. 

O BNG esixe á Consellería de Sanidade axilizar a posta en funcionamento do servizo onco-hematolóxico no hospital público comarcal