BNG MUXÍA
O BNG de Muxía urxe arranxar a contorna da igrexa de Moraime “tras anos sen atención”
Os nacionalistas indican que a igrexa, do século XII, conserva oito lenzos murais policromados que representan os pecados capitais e a morte
Os accesos a este monumento requiren unha intervención para mellorar a accesibilidade e retirar elementos deteriorados que afean a contorna
Muxía, 13 de decembro de 2024. O BNG de Muxía vén de urxir ao goberno municipal a mellorar a accesibilidade da igrexa románica de Moraime, “que leva anos sen atención”, logo de que a veciñanza lle trasladara as súas queixas polo deterioro da pasarela de baixada á igrexa, de tal xeito que os vehículos que se achegan ao templo para os oficios ou para visitalo e ver as pinturas murais tocan no chan desde hai tempo.
“Este é o único acceso en coche ao templo, ao que asiste moita veciñanza de idade e con problemas de mobilidade”, indicaron os nacionalistas, que cren urxente “facer un proxecto de mellora da accesibilidade e pedir os oportunos permisos a patrimonio para mellorar a baixada e que se faga de xeito respectuoso cunha contorna tan senlleira”.
Desde o BNG indicaron que “a pesares de que se acometeu recentemente unha reparación temporal, con xabre, non dou bo resultado, pois non so a tracción das rodas fai que os coches patinen alí, senón que o xabre non evita tampouco que os baixos dos vehículos toquen abaixo”.
Ademais, a organización nacionalista sinalou que o campo da festa “presenta desde hai tempo elementos deteriorados e sen servizo, como postes de luminarias sen luces, outros que xa non soportan ningún tipo de cableado e permanecen abandonados, e incluso un poste caído sobre o peche do campo”. Manifestou, así mesmo, que tamén está deteriorada a varanda no mesmo lugar, que no extremo está insegura e abanea, e que hai cartaces institucionais de reparacións rematadas xa no 2021 e tocóns - que contiñan códigos QR xa desaparecidos- en mal estado á beira do camiño.
Feísmo
O BNG muxián considera que “todos estes elementos só constitúen un caso de feísmo dun lugar, por onde pasa o Camiño de Santiago, que debería de recibir un trato especialmente coidadoso polo seu valor histórico, patrimonial e paisaxístico, polo que pedimos que se retiren á maior brevidade”. Solicita tamén que se instalen elementos para a colocación dos contedores de lixo colocados ao lado do cemiterio para evitar o impacto visual negativo.
Por último, a formación liderada por Mercé Barrientos remarcou que a fonte e área recreativa da contorna requiren unha limpeza, e que hai pedras na beira da estrada que vai de Moraime a Oruxo, caídas do peche dunha finca anexa, que constitúen un perigo para a circulación. “No BNG instamos ao goberno municipal a actuar coa maior dilixencia no coidado dos elementos paisaxísticos e históricos que conforman o rico patrimonio do noso concello”, insistiron.