O BNG pide á Xunta medidas eficaces e contundentes na Costa da Morte e Bergantiños para frear as desfeitas do xabaril nas agras de millo
Ante os numerosos episodios que se veñen rexistrando nas dúas comarcas, o deputado Oscar Insua rexistrou varias iniciativas no Parlamento galego co fin de espertar á Consellería: “A Xunta non fai nada, dá a impresión de que non teñen ningunha responsabilidade, e téñena toda; cren que con axudiñas o problema está resolto”
Gandeiros de concellos como Cabana de Bergantiños ou Dumbría están fartos das desfeitas destes animais e de traballar para os xabaríns. “A situación está descontrolada, e os danos van a máis; o PP non pode mirar para outro lado, ten que actuar xa”, sinala Insua
Costa da Morte-Bergantiños, 13 de xuño de 2026. O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, presentou unha iniciativa no Parlamento galego na que insta á Xunta de Galiza a elaborar un censo obxectivo e real dos xabarís nas dúas comarcas, así como a adoptar de forma inmediata medidas para evitar os danos nas distintas colleitas do agro. Ademais, solicita que o goberno galego aumente as axudas destinadas ás persoas damnificadas polos danos do xabaril.
Desde o BNG apuntaron que as medidas levadas a cabo ata agora pola Consellería de Medio Ambiente afectaron a algúns tecores de Bergantiños, mais non aos da Costa da Morte, onde non se declarou a emerxencia cinexética o ano pasado. Así mesmo, o Bloque sinalou que ditas medidas trouxeron varios desacordos e enfrontaron á Federación Galega de Caza e asociacións ecoloxistas contra a Xunta, entre outros motivos, por non ter feito un estudio obxectivo e real sobre a poboación, medida na que insistimos na iniciativa.
“Non podemos permanecer impasíbeis ante a ineficacia do sistema actual, e sendo a xestión da fauna salvaxe unha competencia directa da Xunta de Galiza, nomeadamente da Consellería de Medio Ambiente”, advertiu a formación nacionalista, que salientou que “é a nosa responsabilidade poñelo en coñecemento das institucións competentes para que asuman a súa responsabilidade e determinen medidas máis axeitadas e eficaces para controlar as poboacións de xabarís e que fagan o menor dano posíbel ao sector”.
Por último, Oscar Insua manifestou que “a Xunta non pode esperar a que a situación empeore. Acaba de sementarse o millo e xa están atacando os cultivos, e algúns gandeiros xa esgotaron as axudas porque o xabaril comezou a fozar nos prados de herba hai meses; ademais de ser irrisorias non chegan. O PP non pode mirar para outro lado, ten que actuar xa, canto antes”.