BNG VIMIANZO
O BNG de Vimianzo cualifica de “propaganda” as políticas en favor do rural
Vimianzo, 19 de agosto de 2025. O BNG de Vimianzo vén manifestar a súa preocupación tras coñecerse o peche definitivo da factoría Stübben Spain, antes Don Rodrigo Spanish Saddlery, na localidade. Os nacionalistas insistiron que este peche supón un novo revés para a economía local, non só por perder un dos seus referentes empresariais, senón porque ademais na actualidade mantiña 23 postos directos, e en tempos de máxima produción chegou a crear 65 empregos “Unha produción que se podería repetir de darse as condicións necesarias para elo”, subliñou o BNG.
A formación nacionalista cualificou como “mentira e propaganda” as constantes manifestacións dos principais partidos do estado ao respecto da importancia de facer políticas orientadas ao rural. Así mesmo, informou que dende o momento que tiveron coñecemento do peche da fábrica, mantivo conversas con representantes dos traballadores a fin de ter información e buscar iniciativas municipais para evitar o peche, “mais o avanzado estado das negociacións entre empresa e traballadores fixo imposible un cambio de rumbo”.
O voceiro municipal do BNG, Benxamín Queiro, afirmou que “este novo peche reflicte ás claras o delicado estado de saúde da nosa industria local, polo que insistimos na urxencia de tomar medidas útiles orientadas a favorecer as nosas empresas e o noso parque empresarial, e deixarse de tantas fotografías”.
O grupo nacionalista advertiu que a globalización económica mundial “está a afectar decisivamente a competitividade das empresas europeas, pero as administracións teñen activado mecanismos para compensar esta situación”, e sinalou que unha proba son as diferentes intervencións que se teñen feito en industrias de A Coruña, Ferrol ou Vigo.
“Non obstante, parece que estos mecanismos de inversión funcionan de xeito desigual no ámbito urbano e no ámbito rural, pois ningunha administración moveu un dedo para evitar o peche da factoría vimiancesa, pese a vital importancia que esta e outras pequenas empresas teñen na loita contra o despoboamento e a favor da creación de emprego no rural”, destacou o BNG.