BNG COSTA DA MORTE
O deputado Oscar Insua traslada á Valedora do Pobo a necesidade de abrir o centro de día de Corcubión
Costa da Morte, 3 de setembro de 2025. O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, mantivo un encontro coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, este mércores 3 de setembro, co obxectivo de dar a coñecer a problemática en torno ao centro de día de Corcubión. A reunión respondeu á necesidade de expoñer a negativa reiterada por parte da Xunta de Galiza a asumir a apertura e xestión do servizo, o que suscitou mobilizacións por parte do Concello de Corcubión e da veciñanza para esixir a posta en funcionamento do centro.
Oscar Insua explicou que a necesidade de que Corcubión dispoña dun centro de día tivo boa acollida por parte da Valedora do Pobo, que se amosou disposta a facer o posible para atopar unha solución á problemática.
“Démoslle traslado da importancia de que Corcubión e a comarca teñan un centro de día público, dado que na Costa da Morte non existe nin unha soa praza dispoñible deste servizo”, manifestou o parlamentario nacionalista.
O BNG lembrou que o alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, xunto coa concelleira de Servizos Sociais, Pilar Tubío, e o propio Oscar Insua, entregaron o 4 de agosto máis de 1.300 firmas no Parlamento galego esixindo que o goberno galego asuma as súas competencias e proceda a abrir o centro de día. Ademais de salientar que o problema vai a ser tratado no Parlamento europeo da man da deputada Ana Miranda, que visitou Corcubión o pasado 23 de agosto.
A formación nacionalista tamén sinalou que o rexedor corcubionés sigue agardando a que a conselleira de Política Social, Fabiola García, o reciba para manter unha xuntanza e tratar o asunto, logo de múltiples peticións ao respecto por parte de Xabier Domínguez.