O BNG PREGUNTA NO PARLAMENTO POLAS DENUNCIAS DOS BOMBEIROS DE CEE

O BNG PREGUNTA NO PARLAMENTO POLAS DENUNCIAS DOS BOMBEIROS DE CEE

A seguridade dos habitantes da Costa da Morte non pode depender da falla de material no parque de bombeiros.

Tralo comunicado dos bombeiros do parque comarcal de Cee que participaron nas tarefas de extinción do santuario da Virxe da Barca de Muxía, e no que denunciaban púlicamente graves problemas de descoordinación e de falla de recursos, que quedaron de manifesto nas tarefas de extinción do incendio que afectou a este santuario, o Bng ven de presentar varias preguntas no parlamento.

Según estas informacións, os bombeiros recibiron o aviso do incendio en torno ás 08:30 horas do 25 de decembro (cando faltaba media hora para finalizar o seu turno de 24 horas). Os tres bombeiros que estaban de quenda sairon cunha dotación composta por un camión nodriza e un vehículo de altura, ao non poder levar o principal vehículo da dotación, por estar sen bomba e sen auga debido a unha avaría de longa duración.

As 09:00 horas o persoal de quenda entrante (outros tres bombeiros) disponse a darlle o relevo aos compañeiros da primeira quenda, pero descoñecen onde se atopan e que están a facer, debido á imposibilidade de comunicación telefónica e á ausencia dunha ferramenta de coordinación co 112. Finalmente lógrase información a través do xefe de parque que se desprazara ata Muxía para ver como se desenvolvían as tarefas de extinción.

Os bombeiros do Parque de Cee, xestionado pola empresa NATUTECNIA, denuncian que durante a intervención vivíronse situacións caóticas debido á ausencia de medios de intercomunicación imprescindíbeis para a coordinación das actuacións.

En primeiro lugar, denuncian que os tres bombeiros do parque que saían de turno non puidesen contactar con tres bombeiros do turno entrante. A razón é que empresa xestora do Parque, co fin de recortar gastos, deixa un número limitado de equipos de radio que teñen que ser cedidos polo persoal nos respectivos relevos. É dicir, os tres bombeiros saíntes de quenda que traballaban na extinción, tiñan que ceder os seus equipos de radio aos tres bombeiros entrantes, a diferenza do que ocorre noutros parques, nos que se dota dun equipo de radio persoal e intransferíbel a todos e cada un dos bombeiros a fin de evitar estes incidentes.

Se esta circunstancia motivou a imposibilidade de contactar cos compañeiros dun mesmo equipo (bombeiros do mesmo parque), o mesmo aconteceu á hora de contactar con outros colectivos implicados nas tarefas de extinción. Os bombeiros de Cee afirman que esta situación provocou problemas de descoordinación que mesmo afectaron á seguridade na realización dos traballos:

"Estaba a traballar nun primeiro andar, con moitísima carga térmica, por riba da sacristía e de repente empezáronme a rociar con auga compañeiros doutra agrupación. Abrasáronme!", queixábase un dos profesionais de Cee. Isto débese a que ao mollar os traxes de extinción, cando se traballa por enriba dos100ºC, prodúcese unha evaporación interna da auga caída sobre a roupa, que pode producir graves queimaduras.

Ademais, os bombeiros do Parque de Cee, denuncian tamén que non se está a facer o mantemento e as revisións dos vehículos dentro dos prazos marcados. Estas queixas, que xa no seu día foran notificadas ao Consorcio Contra Incendios e Salvamento de A Coruña, empezan a provocar problemas: o principal vehículo do parque (o "primeira saída" ou bomba lixeira urbana), é un camión polivalente, que tanto se emprega para extinción, como para rescate ou excarceración. Este vehículo, despois de ficar máis dun mes no taller por un problema na bomba, púxose de novo en servizo sen dito aparello de impulsión de auga, e froito diso non puido ser empregado nas tarefas de extinción.

Ademais, durante os traballos de extinción, a bomba do vehículo nodriza pesado (un vehículo deseñado especificamente para tarefas de extinción), deixou tamén de funcionar, tendo os bombeiros que pasar a empregar as motobombas forestais das agrupacións de voluntarios, e máis a bomba do vehículo de altura, que traballa unicamente a baixa presión, con pouca capacidade de penetración no combustible.

Todos estes problemas, segundo denuncian os bombeiros de Cee, son froito da falta de mantemento ou dun mantemento deficiente por parte da empresa xestora do Parque. Ademais, a empresa NATUTECNIA, pretende suplir estes déficits de mantemento encomendando estes traballos aos propios bombeiros e non a persoal especializado.

Por todo o devandito, o Bng cree que a xestión privada dos Parques comarcais de Bombeiros está a degradar as condicións coas que se presta o servizo, convidamos a Xunta de Galiza a que reconsidere o actual modelo de xestión dos parques e sobre todo esiximos que obrigue a empresa a que corrixa as deficiencias das que falan os bombeiros para poder así prestar un servizo en condicións.

Así, no parlamento formúlanse as seguintes preguntas para a súa resposta escrita:

-Coñece a Xunta de Galiza os problemas de descoordinación e de falla de recursos que denuncian os bombeiros de Cee?

-Non considera a Xunta de Galiza que a xestión privada dos Parques Comarcais de Bombeiros está a degradar as condicións nas que se está a prestar o servizo?

-Vai revisar a Xunta de Galiza o modelo de xestión privada dos parques comarcais?

-Vai, en calquera caso, instar á empresa que xestiona o Parque de Bombeiros de Cee a que corrixa as deficiencias denunciadas polo bombeiros, para asegurar unha correcta prestación do servizo?

Cee, a 4 de Febreiro de 2014

Serxio Domínguez Louro