O BNG solicita a paralización das obras das minicentrais do Xallas

O BNG solicita a paralización das obras das minicentrais do Xallas

O BNG solicita a paralización das obras das minicentrais do Xallas e reclama que se aclare o impacto a especies en perigo de extinción.

Ana Pontón lembra os vínculos escuros entre Villar Mir e o PP, citado na Trama Gürtell e nos papeis de Bárcenas.

A Xunta recoñece que abriron dous expedientes durante o ano 2014 por irregularidades na construción

A Viceportavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, formulou hoxe a Xunta unha pregunta no Parlamento de Galiza na que demandaba explicacións ante as diversas denuncias que se están realizando en relación coas obras de tres novas minicentrais no río Xallas. Ana Pontón, sinalou que o BNG reclamou que estas obras non se iniciaran xa no ano 2012, e posteriormente no mes de setembro de novo súa paralización. As razóns desta solicitude residen no feito de que estas obras“ían supoñer a sentenza de morte do río Xallas” e unha actuación “que pon en risco a conservación da biodiversidade, vulnerando a lexislación en materia de conservación da natureza e un atentado contra a Rede Natura”.

A nacionalista salientou que o tempo “veu a darnos a razón” e por desgraza “ o PP unha vez máis violenta a legalidade para beneficiar a unha empresa privada”. Afondando neste aspecto lembrou que a Devesa de Anllares era un lugar que “estivo candidatado para ampliar a Rede Natura” e que “contén especies que xa están protexidas por formar parte do Catálogo Galego de Especies en Perigo de Extinción”. A deputada do BNG lamentouse de que neste caso a Xunta faga a vista “gorda” e non aplique a Lei 9/2001 que considera unha infracción moi grave a destrución, morte ou deterioración de especies catalogadas como en perigo de extinción con sancións que oscilan entre os 60.000 e os 300.000 euros.

Reiteración dun trato de favor do PP á empresa de Villar Mir.

Para a nacionalista estase repetindo un “escandaloso trato de favor” a Villar Mir. Recordou que por razóns similares se está producindo un xuízo na Galiza. Un xuízo que de momento levou á imputación de Pan-Montojo, ex-Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no goberno Fraga -e que en 2001 permitiu que a empresa desecara a desembocadura do Xallas- e o establecemento dunha fianza á empresa de 8,5 millón de euros. Ademais para o BNG será revelador cando se avance nas investigacións xudiciais que se están realizando pola corrupción do PP, pois “non podemos perder de vista que Villar Mir aparece citado na Trama Gürtell, nos papeis de Bárcenas e é un vello coñecido do PP de Galiza. Neste sentido dixo que “ninguén explicou canto aportou Villar Mir para a fundación Manuel Fraga”. Para a viceportavoz do BNG, é tamén delatador que mesmo concelleiros do PP, como o portavoz en Dumbría, está denunciando irregularidades e un trato de favor que se “suma as denuncias que xa viñamos facendo”, apuntou Pontón.

Cumprir as leis e paralizar as obras en curso.

A nacionalista volveu a solicitar a paralización das obras, así como, que non se coverten as leis en papel mollado. Ana Pontón lembrou o informe feito público por ADEGA -e realizado por once expertos e expertas das tres universidades galegas- que denuncian o impacto das obras sobre especies protexidas e pediu que se aplique a Lei de conservación da natureza e as sancións previstas na mesma. Segundo a deputada nacionalista “é impresentábel o que están facendo e poden repetirse as imputacións de altos cargos por vulnerar a lei”.

A Xunta recoñece que incumprimentos nas obras de novas minicentrais no Xallas.

O Director Xeral de Augas de Galiza recoñeceu que abriron á empresa dous expedientes en xullo de 2014. Un dos expedientes deu lugar a unha sanción – que non concretou a pesar de ser requirido pola deputada do BNG- e paralizacións puntuais de obras, e outro expediente está tramitándose aínda neste momento. Ambos expedientes foron incoados por amoreamentos de terra.

Finalmente a Xunta de Galiza tamén recoñeceu que en Novo Castrelo, Ponte Oveira II e no río Xallas localizáronse especies ameazadas, porén desestiman a paralización das obras. A deputada do BNG anunciou que ante estes novos datos solicitarán que se aplique a lei de conservación da natureza dado que a Xunta está ignorando a legalidade vixente e actuando con parcialidade e sen rigor.

Para a Ana Pontón estes datos confirman que as obras deben ser paralizadas e instou á Xunta a evitar a destrución de hábitats de especies protexidas como as que alberga a Devesa de Anllares e no río Xallas. A nacionalista sinalou “non queremos sancións sobre feitos consumados, a obriga da Xunta é evitar que se destrúan espazos únicos e de gran valor social, ambiental, cultural e turístico”.

Cée, a 20 de Outubro de 2015

Serxio Domínguez Louro