• DENDE O BNG CONSIDERAMOS QUE ESTE TIPO DE POLÍTICAS SON MOI PERXUDICIAS POR CEBARSE COS CIDADÁNS.

OS PRESUPOSTOS DA XUNTA CASTIGAN, UN ANO MÁIS, Á COSTA DA MORTE. O PP FAI UN DESEÑO DISCRECIONAL PARA FACERLLE DANO AOS GOBERNOS LOCAIS

OS PRESUPOSTOS DA XUNTA CASTIGAN, UN ANO MÁIS, Á COSTA DA MORTE. O PP FAI UN DESEÑO DISCRECIONAL PARA FACERLLE DANO AOS GOBERNOS LOCAIS

Dende o BNG da Costa da Morte cualificamos de moi descarado e ruín o deseño dos presupostos da Xunta, que se cimentan na lóxica de dificultar a acción de goberno dos concellos “non amigos” e cor política distinta ao PP, recordando que o PP de Feijoo non goberna en ningún Concello da comarca.

Confeccionan uns presupostos con clara discrecionalidade e coa intención de asfixiar aos gobernos locais da Costa da Morte, para poder así construír un discurso político ao redor de supostas malas xestións e falta de capacidade, e redirixir os investimentos en función dos intereses tácticos electorais do PP.

A cidadanía debe ser consciente das dificultades que este modelo de reparto de investimentos, cos cartos de tódolos cidadáns, supón para os Concellos da Costa da Morte, e na que saímos penalizados toda a veciñanza, pois non é o mesmo que se conte coa previsión de inversión para mellora dos colexios e institutos, hospital comarcal, plans de emprego, arranxo e mellora de estradas, redes de saneamentos, actividades culturais, e moitos outros servizos necesarios para mellora da vida das xentes da Costa da Morte, que estar continuamente a pelexar e demandar cos distintos departamentos da Xunta que poñan unha atención debida aos nosos concellos, e que nunca chega. Trátase dunha chantaxe que o PP acáballe facendo aos cidadáns dende as institucións públicas, cunhas consecuencias nefastas que lastran as nosas vilas a non ter oportunidades, e a vivir asentados na precariedade de servizos. E os responsables locais do PP son cómplices disto.

Para os presupostos de 2018 os investimentos reais son inexistentes, ignorando a dura realidade socioeconómica pola que atravesa a Costa da Morte. Agás a continuidade, a pingas, do investimento para a “autovía” da Costa da Morte, cun millón de euros, para o resto son “fabas contadas”. Así só concreta a rede separativa en Fisterra, xa anunciada no exercicio anterior (e que aínda se agarda o seu comezo), con 100.000 euros. Coma 266 mil euros do dique de abrigo no porto de Fisterra, tamén consignado no ano anterior, e no que as obras avanzan máis lentas do que inicialmente fora anunciado.  Inclúense outros 185 mil euros conxuntos para os portos de Muxía e Camariñas. E 535 mil euros para a rede separativa e depuración para Camariñas.

Nin referencias concretas para os centros de ensino, de saúde, infraestruturas e mantemento de vías, programas de emprego, de cultura, conservación patrimonio, dinamización turística, nin tan sequera a dotación para o servizo de gardacostas despregado en varios portos da Costa da Morte. O parque do megalitismo, a variante ao porto de Brens, heliporto de Ruibo, o saneamento integral de Cee e da ría de Corcubión, o centro de saúde de Fisterra ea mellora do de Cee, os plans do cabo Fisterra e Touriñán, etc.

 

En Cee, a 23 de outubro de 2017.

Serxio Domínguez Louro

Responsábel Comarcal do BNG da Costa da Morte.