BNG COSTA DA MORTE

BNG acusa á Xunta do PP de discriminar Corcubión e exixe a apertura inmediata do centro de día

Oscar Insua no Pleno do Parlamento galego
Oscar Insua no Pleno do Parlamento galego
Oscar Insua denunciou que a Consellería de Política Social leva máis dunha década ignorando a infraestrutura e a demanda veciñal da Costa da Morte, e acusa á Xunta de favorecer só aos concellos gobernados polo PP
BNG acusa á Xunta do PP de discriminar Corcubión e exixe a apertura inmediata do centro de día

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025. O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Óscar Insua, volveu levar ao Parlamento a situación do centro de día de Corcubión, nunha intervención contundente na que denunciou “dez anos de abandono por parte da Xunta” e acusou directamente á conselleira de Política Social de actuar con “sectarismo partidista”.

Insua lembrou que Corcubión conta dende hai máis dunha década cun edificio totalmente equipado e con capacidade para 22 persoas, ofrecido á Xunta para a súa xestión como centro de día. “Cero euros para construílo, cero compromiso para xestionalo. Esa é a realidade do PP con Corcubión”, afirmou. Subliñou tamén que este sería o primeiro centro de día público da comarca da Costa da Morte.

Durante a súa intervención, o deputado do BNG denunciou que “mentres se financian centros de día en concellos gobernados polo PP como Sobrado, Toques ou Ramirás, aquí aplican un criterio discriminatorio que deixa á nosa comarca fóra”. Insua acusou á Xunta de “coartar a liberdade das persoas maiores da Costa da Morte, que non poden elixir envellecer na súa terra porque non teñen acceso a este servizo”.

Tamén reclamou explicacións sobre a negativa reiterada da conselleira Fabiola García a recibir ao alcalde de Corcubión, malia as súas múltiples peticións de reunión. “Cal é a razón pola que vostede non quere falar co alcalde de Corcubión?”, preguntou. “Soamente se reúne con alcaldes do Partido Popular. Iso é gobernar para todos?”

Insua rematou exixindo que a Xunta inclúa o centro de día de Corcubión no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o abra de inmediato. “Este centro está listo. O único que falta é vontade política. A veciñanza está farta de promesas e de que se lles negue un servizo público esencial”.

BNG acusa á Xunta do PP de discriminar Corcubión e exixe a apertura inmediata do centro de día