BNG MUXÍA
O BNG de Muxía pide un recoñecemento ás persoas da localidade que contribuíron a preservar o cancioneiro popular galego
O BNG de Muxía solicitará á Corporación Municipal no vindeiro pleno, en interese de todo o concello, que se inclúa na programación cultural deste ano 2025 o recoñecemento a veciños e veciñas da localidade que recolleron, mantiveron e transmitiron o patrimonio cultural oral dos nosos antergos. Os nacionalistas piden que se celebren actos de homenaxe, elaboración e publicación de documentación na que se recollan as súas figuras e se saliente a súa aportación, así como mediante a colocación de placas nos seus lugares, designación de lugares públicos ou outras iniciativas que axuden a dar visibilidade á súa aportación.
Desde o BNG cren que a edición do Día das Letras 2025 débese aproveitar en Muxía para salientar, máis alá do recoñecemento da RAG ás seis cantareiras homenaxeadas, a todo o colectivo de cantareiras e, nomeadamente, ás veciñas e veciños que colaboraron a que hoxe exista a obra fundamental do noso folclore musical: o Cancioneiro Popular Galego, compilado e ordenado por Dorothe Schubarth e Antón Santamarina, cuxos fondos están preservados no Museo do Pobo Galego como parte do patrimonio inmaterial galego.
O grupo nacionalista quere destacar a contribución cultural do municipio de Muxía “ao patrimonio de todos os galegos e galegas, homenaxeando tamén ás persoas recollidas como informantes por Dorothe Schubarth en varias parroquias e lugares do concello”, e que son:
⦁ Delfina Trillo Vilela (Delfina da Ghuapita), de Añobres (Moraime).
⦁ Elisa Sánchez Varela (Elisa da China), de Añobres (Moraime).
⦁ Esperanza Trillo (Dna. Esperanza), de Lourido (Moraime).
⦁ Mª Ester Álvarez Baliña, de Santa Mariña (San Pedro de Coucieiro).
⦁ Dolores Bua Barrientos (Lola da Rasqueta), de Muxía (Santa María de Muxía).
⦁ Francisco Canosa Barrientos, “O Nemiñán”, de Risamonde (Moraime).
O BNG sinalou que non houbera en Galiza, ata o momento, ningún acto de recoñecemento a estas persoas, alén do día das Letras Galegas dedicado aos trovadores medievais da ría de Vigo Johan de Cangas, Meendinho e Martín Codax, en 1998. Este ano 2025, a Real Academia Galega vén de recoñecer o labor das cantareiras, e fíxoo, como establecen os seus estatutos, de xeito nominal. Así foi recoñecida entre outras, a muxiana Eva Castiñeira.
“Muxía destaca, polo tanto, por ser un dos poucos que conta no seu patrimonio cultural con dous homenaxeados do Día das Letras; o primeiro en 1971, Gonzalo López Abente, e o segundo neste 2025, a Eva Castiñeira, veciña de Agranzón”, subliñou a formación nacionalista, que engadiu que “podemos dicir que somos unha anomalía cultural con fachenda: somos un concello de artistas!”.
Porén, non se fixo polo momento ningún recoñecemento a estas persoas que, segundo recolleu o inxente traballo da musicóloga suíza Dorothé Schubarth e de Antón Santamarina, contribuíran como informantes a que hoxe exista o Cancioneiro Popular Galego.