BNG COSTA DA MORTE
O BNG arrinca o compromiso para que o hospital de día oncolóxico na Costa da Morte bote a andar en setembro
Santiago de Compostela, 22 de maio, 2025. O BNG agarda e estará vixiante para que o PP cumpra co último anuncio sobre o inicio das obras do hospital oncolóxico na Costa da Morte, que segundo afirmou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo José Silva Tojo, comezarían en tres semanas e terían un prazo de execución de tres meses. Este anuncio foi feito despois de o deputado nacionalista, Oscar Insua esixise explicacións na Comisión de Sanidade polo incumprimento reiterado da Xunta coa posta en marcha do hospital de día onco-hematolóxico prometido no hospital público comarcal “Virxe da Xunqueira” de Cee.
“Di vostede que vai empezar nas vindeiras semanas e que vai ter unha execución de tres meses. Eu calculo que en setembro tería que estar. Quero pensar que, a medida que se van facendo as obras, se avise aos e as doentes para que deixen de ir á Coruña”, emprazou porque, “o que vemos polo de pronto é propaganda, propaganda e propaganda”, recriminou.
A iniciativa prodúcese tras constatar que, un ano despois do anuncio feito polo actual conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante unha visita ao centro hospitalario o 27 de xuño de 2024, o servizo continúa sen ser unha realidade. “Todo o que temos ata agora son promesas baleiras e propaganda electoral”, denuncia Ínsua.
O deputado lembra tamén que en febreiro de 2024, en plena campaña electoral, o anterior conselleiro, Julio García Comesaña, comprometera publicamente a creación deste servizo para evitar os constantes desprazamentos das persoas enfermas de cancro á cidade da Coruña, resaltando que se trataba dun servizo xa implantado noutros hospitais comarcais.
A situación, segundo denuncia o BNG, non só non mellorou, senón que segue rodeada de incertezas: “Non se sabe onde se vai instalar o servizo, se dentro do hospital ou noutro espazo, non se coñece o persoal que se vai asignar nin se hai partidas orzamentarias reais para facelo posible”, critica Ínsua.
O pasado 13 de xaneiro de 2025, o Consello da Xunta anunciou a habilitación de hospitais de día onco-hematolóxicos en Barbanza e en Cee, cun investimento global de 1,4 millóns de euros. Porén, no caso da Costa da Morte, os avances son inexistentes: “Ese día simplemente tomaron en consideración un informe da Consellería, sen prazos nin garantías reais. Non hai proxecto, non hai localización, e os doentes seguen viaxando a diario á Coruña, asumindo custes económicos porque o PP tamén “se nega” a quitar a peaxe de Carballo á Coruña. Para o deputado nacionalista, este novo atraso supón unha burla á veciñanza da comarca. “Trátennos con dignidade porque non somos galegos nin de terceira, nin de cuarta nin de quinta”
Trala resposta do director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo José Silva Tojo na que avanzou que as obras van comezar nas vindeiras semanas e que terán unha execución de tres meses, o deputado calcula e espera que en setembro sexa realidade porque, para o PP, “sempre somos os últimos de Filipinas, os últimos en todo”, lamentou, agardando que o anuncio non sexa unha promesa máis e que por fin os veciños e veciñas da Costa da morte poidan acudir ao servizo oncolóxico na Costa da Morte, “porque queremos vivir con dignidade e a nós sáenos moi caro ter que desprazarnos á Coruña.”
Insua aproveitou a súa intervención na Comisión de Sanidade para demandar tamén un servizo de cardioloxía completo para a comarca, que se cubran as prazas vacantes das especialidades existentes e sobre todo que se dote doutro psiquiatra ao Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira, tendo en conta a longa listaxe de espera e a necesidade urxente deste servizo.
A presión do BNG fixo posible a celeridade que amosa agora o PP, despois de levar máis de un ano con promesas incumpridas.