SANIDADE PÚBLICA

O BNG arroupou a concentración en defensa dunha atención primaria digna e de calidade celebrada en Baio

Concentración pola atención primaria en Baio (13/04/26)
Concentración pola atención primaria en Baio (13/04/26)

A mobilización, que foi convocada por SOS Sanidade Pública, acolleu a medio cento de persoas diante do centro de saúde

O deputado Oscar Insua manifesta que “o PP como pode dicir que o servizo se presta con normalidade, se hoxe mesmo no centro médico de Baio daban cita para dentro de dúas semanas? É un escandalo, e ademais minten sen avergonzarse”

O BNG arroupou a concentración en defensa dunha atención primaria digna e de calidade celebrada en Baio

Baio (Zas), 13 de abril de 2026. Con motivo da celebración do Día Mundial da Atención Primaria, a plataforma SOS Sanidade Pública convocou á veciñanza da comarca a unha concentración celebrada este luns 13 de abril, ás 13:00 horas, diante do centro de saúde de Baio, no municipio de Zas, e que foi arroupada por diversos cargos do BNG na comarca.

Ao acto, enmarcado nun conxunto de mobilizacións nunha vintena de concellos galegos, acudiron medio cento de persoas, que reclamaron unha sanidade digna e de calidade, e expresaron o seu malestar pola falta de persoal médico en centros da atención primaria da bisbarra e os recortes sanitarios da Xunta de Galiza. 

Entre os asistentes estiveron o deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua; así como o alcalde de Zas, Manuel Muíño; o responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez; e representantes do BNG de diferentes localidades da bisbarra.

Na concentración, a portavoz de SOS Sanidade Pública, Ana Lestón,  dou lectura a un manifesto no que se denunciou  o proceso de desmantelamento que está a sufrir a Atención Primaria na nosa comarca.  E criticouse a “falta alarmante” de profesionais, especialmente no caso da pediatría, o que obriga a que as nenas e nenos teñan que desprazarse fóra do seu concello para seren atendidos. Unha situación “inaceptable”, que pon en evidencia o abandono do rural por parte da administración sanitaria.

Oscar Insua afirmou que “hai que esixirlle ao PP menos recortes na sanidade e máis atención ás zonas rurais. O dos pediatras na comarca é escandaloso, fomentan que os pais e nais acaben indo á privada. E hoxe mesmo comprobamos como un doente pediu uha cita en Baio, e déronlle para dentro de dúas semanas, cando a consellería aseguraba que todo funcionaba con normalidade. Consideramos entón normal que o médico de cabeceira che atenda dentro de 10 días?”.

O BNG indicou a situación de carencia de especialistas en pediatría nos centros de saúde de Camariñas, Carnota, Dumbría, Fisterra, Muxía e Zas, así como na demanda de cobertura da praza dun dos médicos de familia no centro médico desta última localidade.

Os nacionalistas lembraron as diferentes iniciativas parlamentarias para reclamar melloras sanitarias promovidas polo deputado Oscar Insua; a última foi presentada a semana pasada, na que urxía ao goberno galego a prover as cinco prazas de pediatría vacantes na Costa da Morte.

O BNG arroupou a concentración en defensa dunha atención primaria digna e de calidade celebrada en Baio