REIVINDICACIÓN HISTÓRICA DO BNG
SATISFACCIÓN TOTAL NO BNG POR LOGRAR A NOVA BASE DO SVA PARA A COSTA DA MORTE E COSTA BERGANTIÑÁ
O goberno dá por feito o asentamento dunha única Unidade administrativa en Cee (A Coruña), mantendo operativas as instalacións da actual Base Marítima de Muros
Oscar Insua, deputado no parlamento galego: “Por fin logramos unha demanda histórica da comarca. Agora instaremos ao Estado a que se efectivice o máis axiña posible. Estamos satisfeitos deste resultado, despois de insistir en todas as institucións da necesidade de protexer as nosas costas do narcotráfico”
Costa da Morte, 14 de abril de 2026. Despois de trinta anos de espera, a Costa da Morte por fin contará cunha base estable do Servizo de Vixianza Aduaneira no porto de Brens e cunha patrulleira que garantirá un control de toda a zona costeira entre Fisterra e Laxe, que ata o momento era un punto cego na vixilancia marítima. A zona norte estará apoiada pola Base marítima da Coruña, e contará con embarcacións tanto en Muros como en Camariñas.
Esta medida intégrase nun proceso de reorganización coordinado a nivel central e pola Delegación Especial de Galiza e pola Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais, que contemplou o reforzo de medios materiais en Galiza, con especial atención á zona da Costa da Morte.
Prevese que, tras a reorganización, estean operativas no ámbito da Costa da Morte tres embarcacións: unha modelo Rodman 33 (semirríxida cabinada de 33 pés), unha modelo Rodman 101 (patrulleiro de altura de 101 pés) e unha embarcación semirríxida non cabinada. A primeira é a mesma que xa está operando en Muros; a patrulleira terá base en Brens, e a última irá para a ría de Camariñas.
O deputado Oscar Insua, que presentou nesta lexislatura as primeiras iniciativas no parlamento galego, ademais de canalizar a demanda no Congreso en Madrid, manifestou que “estamos moi satisfeitos co conseguido. Non foi sen tempo, pero a espera pagou a pena. Por fin o goberno do estado cumpre cunha demanda histórica da nosa comarca. Agora imos seguir traballando para que entre a funcionar canto antes a unidade administrativa, e para que traian unha patrulleira en condicións, non un barco antigo dos que rexeitan noutras bases”.
Por último, Insua declarou que “estes logros son os que fan útil ao BNG na Costa da Morte, demostran que o traballo constante e perseverante acaban tendo os seus resultados e axudan a seguir traballando por mellorar o futuro da nosa comarca”.