BNG CAMARIÑAS
O BNG de Camariñas critica o “dispendio” que fai o Concello en Fitur
Camariñas,18 de xaneiro de 2025. O BNG de Camariñas vén de criticar o “excesivo gasto” que o Concello realiza para acudir á Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se desenvolverá en próximos días en Madrid. O voceiro dos nacionalistas, Xurxo Rodríguez Baña, xa preguntou ao goberno municipal no último pleno polos custos que supón acudir a dito evento, así como o impacto que tivo o “dispendio” levado a cabo na edición do ano pasado, “cun videoclip que custou 15 mil euros e non sabemos nin as visitas nin o alcance que tivo”.
“Tampouco temos constancia da repercusión que supuxo todo o gasto investido en Fitur”, sinalou Rodríguez Baña, que aclarou que “cremos que é necesario acudir a esta feira internacional para promocionar Camariñas e a súa Mostra do Encaixe, pero vemos desproporcionado o gasto que o Concello realiza para elo”.
O edil do BNG de Camariñas subliñou que “este ano o Concello volveu a adxudicar 15 mil euros a un videoclip de dous minutos, que consideramos excesivo”.