BNG COSTA DA MORTE

O PP volve a dar as costas ás comarcas de Bergantiños e Costa da Morte rexeitando o rescate da autovía AG-55

Oscar Insua e Daniel Pérez no Parlamento 16-01-25
Oscar Insua e Daniel Pérez no Parlamento 16-01-25
O deputado Daniel Pérez tacha de agravio comparativo manter unha peaxe inxusta que lastra gravemente o desenvolvemento económico na comarca
O PP volve a dar as costas ás comarcas de Bergantiños e Costa da Morte rexeitando o rescate da autovía AG-55

Costa da morte, 17 de xaneiro de 2025. O Partido Popular volveu a dar as costas ás comarcas de Bergantiños e Costa da Morte rexeitando a iniciativa do BNG de rescatar a autovía AG-55. Os nacionalistas reclamaron este xoves 16 de xaneiro no Parlamento que a Xunta do PP inicie os trámites para facer efectivo en 2025 o rescate da autovía AG-55 e rematar así coa discriminación coas comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte.

O Deputado Daniel Pérez afirmou con rotundidade que A Costa da Morte “é seguramente o territorio no que máis evidentes son as consecuencias do esquecemento e o ninguneo histórico dos gobernos do PP”, e tachou de “agravio comparativo manter unha peaxe inxusta e inxustificada que supón un “lastre” para o desenvolvemento económico e social da zona.

O BNG presentou esta iniciativa para o seu debate na Comisión 3º despois de que o 14 de outubro de 2024 o Consello da Xunta de Galiza acordase recuperar a concesión de catro autoestradas con “peaxes na sombra”: Salnés, Barbanza, Ourense - Celanova e Santiago-Brión, mentres se deixou fóra a AG-55 entre A Coruña e Carballo. 
 
O deputado da comarca incidiu en que esa peaxe supón “un sobrecusto para familias e empresas, un auténtico lastre para a mobilidade, a conectividade e o desenvolvemento económico e social, así como para a competitividade do tecido empresarial desta zona, na que a citada autovía constitúe un arteria vital de comunicación para o eixo industrial constituído polos parques empresariais de Carballo, A Laracha e Arteixo e a conexión con Punta Langosteira”.

Malia a recordarlle ao PP que en Carballo votou a favor dunha moción cunha parte resolutiva idéntica á que o BNG defendeu hoxe no Parlamento, na comisión 3ª, os populares votaron en contra da iniciativa nacionalista, que ademais pedía solicitar ao Estado a transferencia da AP9. “Só se votan en contra podemos dicir claramente que o PP vota unha cousa a nivel local cando lle interesa e a nivel parlamentario vota a contraria. Cada un que asuma e que cargue a súa mochila, pero a xente non é tonta”, aclarou.

Pérez criticou que, ao retardo “inexplicable” no remate da autovía que vertebraría a Costa da Morte e Bergantiños, potenciando o eixo industrial que constitúen os polígonos industrias de Carballo, A Laracha e Arteixo coa conexión coa Coruña e o Porto Exterior, hai que sumarlle agora esta “decisión arbitraria” da Xunta do PP de non incluír a vía no rescate anunciado, nunha infraestrutura da que Pérez dixo que “debe ser o único caso dunha autovía que antes era gratuíta e que se lle puxo peaxe”.

A este respecto, e despois de que o PP dixese que non se prometera a gratuidade da AG-55 , Pérez replicoulle que “hai que ter moito valor para facer esa afirmación en sede parlamentaria despois de 27 anos pagando unha peaxe por decisión absolutamente inxustificada e unilateral do PP, co Señor Fraga nese momento á fronte da Xunta. 

Lembrou que durante catro anos si que foi gratuíta e que despois, “dun día para outro, nun acto vergonzoso feito de noite, convocando a última hora á prensa e con antidisturbios, inauguraron esa obra diante de veciños que lle pedían que cumprisen a palabra para que fose gratuíta”, ao que Fraga lles contestou que non prometeran tal cousa.

O deputado rematou a súa intervención convidando a imaxinar unha Costa da Morte que despois de 27 anos tivese rematada a autovía e non houbese que pagar peaxe e o que significaría para a comarca a nivel emprego e desenvolvemento industrial.

O PP volve a dar as costas ás comarcas de Bergantiños e Costa da Morte rexeitando o rescate da autovía AG-55