BNG CARNOTA
O BNG de Carnota critica os recortes educativos nos colexios públicos e amosa o seu apoio ás familias
Primitivo Pedrosa sinala que “hai que apostar polo rural e dotalo dos servizos axeitados, e a educación pública de calidade é fundamental”
Carnota, 21 de outubro de 2024. O BNG de Carnota criticou os recortes educativos que veñen sufrindo os centros escolares do municipio, como o CEIP Plurilingüe e o CEIP O Pindo, e amosou o seu apoio ás familias das crianzas, que se están manifestando nas últimas semanas para demandar á Xunta máis profesorado para atender as necesidades especiais e mestres de apoio, así como persoal auxiliar coidador e compensación das horas lectivas perdidas.
Diversos representantes da formación nacionalista participaron na concentración que tivo lugar este domingo 20 de outubro na Praza da Pedra de Carnota, convocada pola ANPA do CEIP Plurilingüe, para amosar a súa solidariedade coa comunidade escolar afectada pola política educativa do Goberno galego.
O vice-responsábel local do BNG de Carnota, Primitivo Pedrosa, sinalou que “a Xunta de Galiza ten que cumprir con feitos a necesidade de un rural vivo, porque non chega só con anuncios propagandísticos; hai que apostar polo rural e dotalo dos servizos axeitados, e a educación pública de calidade é fundamental”.
Pedrosa manifestou que “sempre apoiaremos as reivindicacións das familias do noso concello, que están a sufrir os recortes no ensino público, para que os alumnos e alumnas teñen unha educación digna e se respecten os seus dereitos”.