BNG COSTA DA MORTE
O BNG pide á Xunta seguridade e uns horarios axeitados no transporte público para os estudantes da Costa da Morte
O deputado Oscar Insua esixirá ao goberno galego que modifique a normativa para evitar que os escolares e outros usuarios vaian de pé en autobuses que non están adaptados para iso e rematar coa preocupación que teñen a diario os pais e nais da comarca
Costa da Morte, 24 de outubro de 2024. O BNG da Costa da Morte, a través do deputado Oscar Insua, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento galego para que a Xunta de Galiza execute as medidas necesarias para establecer liñas de autobuses adaptadas aos horarios dos centros de ensino non obrigatorio na Costa da Morte, así como que modifique e adapte a normativa galega para prohibir que nas liñas de transporte interurbano os escolares de ensinanzas obrigatorias e post-obrigatorias poidan viaxar de pé e teñan garantidas sempre reserva de prazas.
Desde o BNG explicaron que a Federación de ANPAS Costa da Morte trasladoulles os problemas que preocupan aos pais e nais do alumnado relacionados co transporte escolar, como que seguen sen adaptarse os horarios dos autobuses cos das aulas de ensinanza post-obrigatoria nos centros IES Agra de Raíces e IES Fernando Blanco, de Cee, e IES Terra de Soneira (Vimianzo). Deste xeito, hai escolares de Fisterra que teñen permiso da Inspección de Educación para chegar tarde e saír antes das aulas, debido a esa falta de transporte con horarios adaptados aos do instituto. Unha autorización oficial que tamén afecta aos estudantes que se desprazan de Mazaricos ou Carnota ata Cee.
As ANPAS tamén inciden en que hai liñas de autobuses con máis demanda que oferta, como ocorre cos autobuses que saen de Fisterra, onde se mesturan alumnos e alumnas con outros colectivos con tarxeta gratuíta e con peregrinos que volven a Compostela.
Oscar Insua manifestou que “non é normal que os estudantes teñan que adaptarse aos horarios das liñas de transporte e perdan horas de clase, é irracional; Educación e Mobilidade teñen que poñerse de acordo e darlle prioridade aos alumnos e alumnas, e esperamos que coa nosa iniciativa o PP solucione os problemas de seguridade e compatibilidade horaria”.