BNG COSTA DA MORTE
O BNG da Costa da Morte denuncia que a comarca segue esquecida nos orzamentos da Xunta para 2025
O deputado Oscar Insua comentou que “non estamos decepcionados, porque xa estamos acostumados a que o PP ignore á comarca, mais o que non esperabamos é que se atreveran a vacilarnos desta maneira”
Costa da Morte, 21 de outubro de 2024. O BNG da Costa da Morte denunciou que os orzamentos do goberno galego para 2025 “esquecen de novo ás bisbarras de Fisterra e Soneira, e non chegándolles con iso, castígannos por queixóns, aumentando as peaxes entre Carballo e Coruña”, e considera que o Partido Popular “adopta unha medida vergoñenta que afogará aínda máis o peto dos veciños e veciñas que teñen que desprazarse á cidade herculina por traballo ou para ir ás consultas médicas que non se fan no hospital de Cee”. Os nacionalistas cren que a igualdade entre galegos que predica Rueda “non é tal”, e sinalaron que “igualdade para pagar impostos si, pero non para recibir os mesmos servizos que teñen outros galegos ou que lle saen máis baratos que a nós”.
Desde o BNG comarcal subliñaron que a Xunta seguirá sen promover e construír “un só centro de día ou residencia en toda a Costa da Morte, o que demostra o pouco que lle importa aos populares a atención aos nosos maiores e as súas familias, que continuarán sen poder conciliar a vida laboral co seu coidado”, e advertiron que a Xunta non ten previsto ningún novo servizo sanitario no hospital comarcal. “E en educación seguimos sen avances, ao contrario, con máis recortes”, sinalou a formación nacionalista, que tampouco ve que apareza nas contas autonómicas “a promoción de vivendas sociais para a mocidade que quere acceder por primeira vez a ela, nin investimentos para promover o asentamento de industrias nos polígonos de Cee ou Vimianzo, mais alá de anuncios de boas intencións da conselleira cos alcaldes do PP, que nada lle protestan nin reclaman”. O BNG incidiu no despoboamento por falta de oportunidades na comarca, “que vai en aumento, sen que o goberno da Xunta responda con contundencia con medidas que favorezan que se empadroen e vivan aquí”.
En canto ao “enésimo anuncio da autovía”, a agrupación frontista manifestou que o goberno galego “faino en gran medida pola presión que exercemos dende o BNG, mais non deixa ser un auténtico vacile á Costa da Morte”, e destacou que “este ano anuncian 8 millóns de euros, pero o ano pasado anunciaban 10 millóns para 2025 e hai dous anos 15 millóns, aproveitando a escusa do financiamento plurianual, que en boca do PP non é máis que unha mentira e un engano, utilizado elección tras elección sen reparos nin escrúpulos”.
(Ligazón para ver as partidas orzamentarias da autovía nos últimos anos: https://www.facebook.com/share/p/15VgRPwwD4/ )
O deputado do BNG da Costa da Morte no Parlamento galego, Oscar Insua, declarou que “o PP tenos acostumados a anuncios pomposos e grandilocuentes, pero o tempo vai poñendo a cada un no seu sitio: a Xunta mexa pola Costa da Morte, e o PP da comarca di que chove, por se non tiveramos auga abonda este ano”. Insua engadiu que “se os do PP de aquí están tan seguros de que para o 2025 vai adiante, que traian á conselleira ou ao director da AXI á comarca a que explique os pormenores da autovía: o que, o como e o cando, con pelos e sinais”. O representante nacionalista sentenciou que “non se atreverán a vir, nin os van chamar, porque saben que é un novo engano, outro fraude; por iso o próximo sábado 26 de outubro temos que manifestarnos todos e todas en Berdoias con esa andaina da dignidade para seguir reclamando a autovía que nos merecemos”.