BNG CARNOTA
O BNG de Carnota denuncia o desmantelamento do servizo de pediatría no municipio

O BNG de Carnota denunciou o desmantelamento do servizo de pediatría no municipio, sinalando que leva sufrindo carencias desde hai anos “e que obriga ás familias de Carnota a desprazarse a outros concellos con todo o prexuízo que elo conleva”.
Os nacionalistas, que esixen o restabelecemento inmediato do servizo pediátrico, manifestaron que “a veciñanza de Carnota, e especialmente as nenas e nenos, están a sufrir o desmantelamento progresivo dos servizos no rural”, e consideran que “neste caso o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza está a agravar a vida das nosas veciñas e veciños, facendo máis difícil o acceso a algo tan esencial como a sanidade pública”.
“O BNG de Carnota apoiará todas aquelas iniciativas encamiñadas a restaurar o servizo de pediatría no concello, así como levar ao Parlamento de Galiza as reclamacións e iniciativas precisas para acadar este obxectivo”, afirmou a formación nacionalista.