BNG COSTA DA MORTE

O deputado do BNG Oscar Insua pide á Xunta que adopte medidas ante un posible abuso no prezo dos combustibles na Costa da Morte

Oscar Insua, deputado do BNG
Oscar Insua, deputado do BNG
O parlamentario nacionalista sinala que “a xente está farta de ver como está máis barata a gasolina na Coruña ou Santiago que no seu; como é posible que o gasoil en Madrid custe 20 céntimos/litro menos que na gasolineira máis barata da Costa da Morte, cando temos unha refinería moito máis preto? Ou 12 céntimos/litro menos na Coruña? Non podemos pagar máis peaxes extra por residir en zonas periféricas e despoboadas, nin ser obxecto de posibles abusos ou acordos empresariais que prexudican aos consumidores”
O deputado do BNG Oscar Insua pide á Xunta que adopte medidas ante un posible abuso no prezo dos combustibles na Costa da Morte

Costa da Morte, 15 de marzo de 2025. O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta que adopte medidas ante o posible abuso no prezo dos combustibles na comarca. O representante nacionalista sinalou que “existen uns prezos abusivos nos carburantes nas estacións de servizo da Costa da Morte, se os comparamos cos que atopamos nas cidades máis próximas, A Coruña e Santiago de Compostela”. Así mesmo, subliñou que hai diferenzas de ata 12 céntimos de euro por litro entre as gasolineiras de baixo prezo da mesma distribuidora na comarca e as das cidades.

Ante esta situación, Oscar Insua demandou que o goberno galego realice unha prognose adecuada dos prezos, así como realizar ensaios comparativos e todos os procedementos técnicos que se precisen para o mellor coñecemento da situación. Ademais, considera que, en caso de comprobarse a existencia de obstáculos graves no funcionamento do mercado dos combustibles que impidan unha competencia efectiva no sector e que menoscaben os dereitos dos consumidores, a Xunta de Galiza debera solicitar do goberno do Estado a fixación dos prezos dos combustibles na Costa da Morte. O parlamentario do BNG lembrou que en 2018 asinouse un protocolo entre a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e a Xunta de Galiza, no que se comprometían a vixiar as prácticas empresariais para detectar posibles incumprimentos da Lei 15/2007 de Defensa da Competencia. 

“A día de hoxe, descoñecemos se houbo algún tipo de vixilancia no sector de vendas de combustibles na comarca; preguntarémoslle á Xunta se fixeron os deberes”, indicou Oscar Insua, que manifestou que “non podemos permitir que as empresas se aproveiten da súa posición estratéxica na comarca con produtos que hoxe son de moita necesidade; sería bo que o goberno do Estado fixara o prezo dos combustibles na nosa comarca, ou cando menos unhas marxes de comercialización, porque xa levamos pagado de máis moitos anos”. 

O deputado do BNG insistiu en que “con estes prezos nos combustibles ou coas peaxes da autovía, non hai maneira de que as empresas poidan competir en igualdade de condicións respecto ás das cidades,  causas que non estimulan nin o crecemento nin o desenvolvemento dos polígonos industriais comarcais”.

O deputado do BNG Oscar Insua pide á Xunta que adopte medidas ante un posible abuso no prezo dos combustibles na Costa da Morte