BNG CEE
O BNG de Cee critica que a alcaldesa non convocase o pleno ordinario do mes de decembro
Cee, 8 de xaneiro de 2025. O BNG de Cee vén de criticar que a alcaldesa da localidade, Margarita Lamela, non convocase o pleno correspondente ao pasado mes de decembro, que tería que celebrarse o venres día 27, seguindo o acordo aprobado pola Corporación ao principio do mandato municipal en xuño de 2023, consistente en realizar sesións plenarias ordinarias o último venres de cada mes ás 20:00 horas.
O voceiro municipal dos nacionalistas, Serxio Domínguez, afirmou que “ademais de saltarse o acordado a principio do mandato, evita o control da oposición e non permite á cidadanía saber sobre temas de actualidade, como o conflito coa policía local; ou simplemente preguntar por outras situacións que se puideran dar”.
O BNG indicou que o 27 de decembro non foi festivo, "pero a rexedora tampouco convocou o pleno para o seguinte venres 3 de xaneiro, que era día hábil". Ademais, os nacionalistas sinalaron que non é a primeira vez que sucede, pois en agosto de 2024 repetiuse a situación.